Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local inicia de novo o...

A Xunta de Goberno Local inicia de novo o procedemento de contratación da obra do centro social de Goiáns

A primeira fase do edificio volverá saír a licitación por 354.956,95 euros tras quedar deserta no concurso anterior por non presentarse ningunha oferta

Luns 1 de agosto do 2022 Carballo ao día

Recreación do edificio

Recreación do edificio

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de contratación da primeira fase das obras de construción do centro social de Goiáns. É a segunda vez que se realiza este trámite porque o primeiro concurso quedou deserto por non presentarse ningunha empresa.

O proxecto ten un orzamento de 451.879,40 euros, pero nesta primeira fase realizarase un investimento 354.956,95 euros. O Centro Social de Goiáns será un edificio de planta baixa, cunha superficie de 341,62 metros cadrados, incluídos 51,73 correspondentes aos patios descubertos. Os restantes repártense entre o vestíbulo, iluminado por un gran lucernario circular cenital, dende o cal se accede ao resto das estancias: auditorio con capacidade para 36 persoas que pode duplicar esa capacidade abríndose ao soportal, escenario, sala multiusos, cuarto da limpeza, almacén, oficinas, arquivo, cociña e aseos, respondendo ás necesidades presentadas polo movemento asociativo da parroquia. O proxecto prevé tamén a creación de 14 prazas de aparcamento e un axardinamento baseado na potenciación das especies arbóreas existentes.

Convenio incendios

Na Xunta de Goberno tamén se deu conta da sinatura do convenio anual entre a Consellería do Medio Rural e o Concello de Carballo para a realización de accións de prevención e defensa contra os incendios forestais mediante a contratación dunha brigada que estará formada por 5 persoas e un vehículo motobomba, cuxa principal misión será a execución de tratamentos preventivos de xeito mecanizado nun total de 300 hectáreas de vías e espazos públicos. A axuda da Administración autonómica para estas tarefas acada os 95.000 euros.

Outros acordos

Tamén se aprobou hoxe a resolución correspondente ás axudas de conciliación familiar e laboral do ano 2021: 11 foron aprobadas e 12 quedaron excluídas por non acadar a puntuación mínima ou non cumprir os requisitos esixidos.

A ampliación ata o 11 de decembro do contrato administrativo de servizos para a dirección e impartición de clases da Aula de Teatro do Concello de Carballo e a prórroga ata finais de setembro para a execución da obra de abastecemento e saneamento en Vilar de Uz (Oza), entre outros acordos, completaron a sesión.

Compartir: