Aprobado o proxecto do Concello de Carballo para o obradoiro de emprego “Fórum Dual”, que combina formación en atención sociosanitaria e cociña
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade subvencionará con medio millón de euros a formación de 20 alumnos/as traballadores/as
Venres 29 de xullo do 2022 Carballo ao día
O obradoiro "Carballo Coida" permitiu formar a 20 persoas en atención sociosanitaria
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade comunicou hoxe ao Concello de Carballo a concesión dunha subvención de 503.987 euros para o desenvolvemento do proxecto do obradoiro dual de emprego “Fórum Dual”, unha iniciativa da Concellaría de Innovación, Formación e Emprego, na que tamén están implicadas as áreas de Benestar e Feiras e Mercados, e que fará posible a formación dun total de 20 alumnos/as traballadores/as: 10 na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e 10 en cociña. O obradoiro terá 12 meses de duración, ao longo dos cales as persoas participantes recibirán a correspondente compensación salarial.
Este novidoso proxecto pretende, por unha banda, formar a profesionais en dous sectores cunha alta demanda no mercado laboral, xa que se atopan entre os cinco con maior contratación no primeiro trimestre do ano.
No sector sociosanitario, por exemplo, só no mes de marzo rexistráronse 31 contratos no noso concello. No Fórum Carballo contamos xa coas instalacións axeitadas para o desenvolvemento desta acción, tras a primeira experiencia de formación no sector sociosanitario que supuxo o obradoiro dual de emprego Carballo Coida, que vén de ser clausurado.
A través do proxecto Fórum Dual formaremos a 10 alumnos/as para a prestación de servizos de interese xeral e social, tanto a nivel teórico coma práctico. O módulo de prácticas profesionais en empresas desenvolverase en entidades de iniciativa pública ou social con traxectorias contrastadas.
Nestes momentos estamos a impartir un curso de Cociña
En canto á hostalaría, na que formaremos aos outros 10 alumnos/as, no noso concello realizáronse no mesmo mes de marzo 60 contratacións entre cociñeiros/as, pinches de cociña e camareiros/as. Carballo conta cunha Escola Municipal de Hostalaría homologada para impartir accións formativas de xefe/a de sala e metre, operacións básicas de cociña, operacións básicas de restaurante e bar, servizos de bar e cafetaría, servizos de restaurante e cociña.
Con este proxecto dual, que arrincará no mes de setembro, pretendemos formar a colectivos moi diversos en dous dos sectores máis afectados non só pola crise provocada pola COVID-19 senón tamén pola falta de recursos para a formación e a profesionalización dos traballadores e traballadoras.