Inicio Carballo ao día Hemeroteca A primeira promoción de persoal de...

A primeira promoción de persoal de atención sociosanitaria formado polo Concello de Carballo remata a súa preparación teórico-práctica

A directora xeral de Formación para o Emprego e o alcalde fixeron entrega dos diplomas ás 20 persoas que participaron no obradoiro dual de emprego

Venres 22 de xullo do 2022 Benestar

Alumnado, profesorado, entidades colaboradoras e representantes do Concello e da Xunta

Alumnado, profesorado, entidades colaboradoras e representantes do Concello e da Xunta

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, entregaron hoxe os seus diplomas ás 20 persoas que se formaron durante os últimos nove meses no obradoiro dual de emprego Carballo Coida para poder traballar na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. No acto participou tamén o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, que manifestou a satisfacción do Concello de Carballo cos resultados acadados e o seu desexo de que esta acción formativa teña continuidade.

O alumnado xa tivo a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos nas entidades colaboradoras (centro de día da Xunta en Carballo, centro de día Fogar de Bergantiños en Verdillo, Afaber, Aspaber e Íntegro), que tamén estiveron representadas no acto de clausura, celebrado hoxe no Fórum Carballo, e que recibiron un pequeno obsequio da organización en recoñecemento á súa colaboración.

Pero agora chega o momento de incorporarse ao mundo laboral, e, grazas aos incentivos á contratación que inclúe o propio obradoiro dual de emprego, 11 persoas poderán alcanzar ese obxectivo.

Acto de clausura

Acto de clausura

A vindeira semana, como avanzou Zeltia Lado, a Xunta fará pública a resolución correspondente á última convocatoria de subvencións para obradoiros duais de emprego, que pasarán de 9 a 12 meses de duración, e ás que tamén aspira o Concello de Carballo cunha segunda edición de Carballo Coida na que, ademais da atención sociosanitaria a persoas dependentes, terá cabida a cociña. Hoxe, nas instalacións da Escola Municipal de Hostalaría, púxose fin, precisamente, ao acto de clausura do obradoiro cun aperitivo preparado no curso de Cociña.

O acto rematou na Escola Municipal de Hostalaría

O acto rematou na Escola Municipal de Hostalaría

O obradoiro dual de emprego Carballo Coida é un proxecto impulsado pola Concellaría de Formación e Emprego en coordinación coa de Igualdade e Benestar, coa intención, precisamente, de paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores do sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral. Esta acción formativa foi subvencionada pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia cunha achega de 346.946 euros, que tiña consignada unha partida de 16.500 euros para eses 11 incentivos á contratación laboral. Hoxe, precisamente, remata o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas solicitudes.

Compartir: