O 90% da roupa usada que se recolle no noso concello ten unha segunda vida a través da reutilización e a reciclaxe
Humana recuperou no primeiro semestre máis de 37 toneladas, e evitou a emisión de 226 toneladas de CO2
Martes 19 de xullo do 2022 Carballo ao día
Planta de clasificación de Humana
A recollida selectiva e a xestión do residuo téxtil permitiron recuperar no primeiro semestre do ano no noso concello máis de 37 toneladas, o equivalente a 150.000 pezas. O 90% das prendas verán alongado o seu ciclo de vida grazas á reutilización e a reciclaxe, dous elementos básicos para a economía circular e a creación e mantemento de emprego verde por parte da Fundación Humana. Ademais, esta xestión do residuo téxtil evitou a emisión de 226 toneladas de CO2.
A entidade sen fin de lucro recuperou 37.034 kg de xaneiro a xuño, por 36.214 no mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 2,3%. O residuo téxtil (roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar) deposítase nos contedores instalados en espazos de fácil acceso e que se baleiran periodicamente para garantir un bo servizo.
As 150.000 pezas recuperadas foron almacenadas inicialmente na planta de transferencia que Humana ten en Santiago e posteriormente clasificáronse na planta de preparación para a reutilización que ten en Leganés (Madrid). “O primeiro obxectivo sempre é a reutilización, porque o artigo máis sostible é o que xa se fabricou e non ten máis custos nin impactos de produción; despois, a reciclaxe; por último, cando non queda máis remedio, a valorización enerxética ou o seu envío á entulleira”, afirma Rafael Mais, director de Proxectos e Relacións Externas de Humana.
Camión de recollida
Agradecemos enormemente as doazóns da cidadanía”, engade Rafael Mais, “con todo, aínda queda moito camiño por percorrer, porque cada cidadán desbota anualmente de entre 20 e 30 kg de téxtil, pero nos municipios con recollida selectiva non se alcanzan o 5 kg de media”. Dito doutro xeito: en España xérase anualmente máis dun millón de toneladas de residuos téxtiles; desgraciadamente, só se recolle algo máis dun 10%. O resto tírase noutras fraccións e acaba finalmente nun vertedoiro. Son cifras inasumibles que a lexislación trata de mitigar.
O destino das pezas tratadas é:
- Un 59% destínase a reutilización: o 17% a través das tendas de moda sostible de Humana e o 42% expórtase a África principalmente para ser comercializado, facer accesible a vestimenta en países menos desenvolvidos e xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
- Un 32% atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil para que elaboren outros produtos (mantas, illantes ou trapos para a industria de automoción)
- Un 2% son residuos impropios reciclables (plástico, cartón, outros) que se pon en mans de xestores autorizados.
- Un 1% son residuos que se destinan a valorización enerxética.
- Un 6% non se pode reutilizar nin reciclar nin valorizar enerxeticamente e envíase a un centro de tratamento de residuos para a súa disposición final.