Adxudicados os servizos de limpeza de edificios municipais para os próximos catro anos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a adxudicación das obras de reurbanización da rúa Lugo
Luns 18 de xullo do 2022 Carballo ao día
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe a adxudicación dos servizos de limpeza de edificios municipais para os próximos catro anos. O contrato, reservado a centros especiais de empregoe empresas de inserción reguladas, coa finalidade de seguir favorecendo a inclusión social e laboral das persoas con diferentes capacidades, está dividido en tres lotes, en función do tipo de edificio, do seguinte xeito:
- Limpeza de edificios administrativos: adxudicada a Norintegra, por 82.587,27 euros ao ano
- Limpeza de locais sociais e culturais: adxudicada a Onet Iberia Soluciones por 108.543,43 euros ao ano. Neste lote están incluídos todos os centros sociais, e faise a reserva correspondente para o que se vai construir na parroquia de Goiáns.
- Limpeza de instalacións deportivas: adxudicada a Onet Iberia Soluciones por 141.981,49 euros.
Rúa Lugo
Na sesión de hoxe foron adxudicadas tamén as obras de reurbanización da rúa Lugo, que serán executadas por Excavaciones y Obras Candal por 47.446,81 euros.
A Xunta de Goberno aprobou tamén facturas de gasto por 64.809,01 euros, un convenio de colaboración co Club Ciclista Carballo para a Challenge Júnior, por importe de 9.000 euros, e outro coa Asociación Deportiva e Cultural Voleipraia Costa da Morte, por 4.500 euros, para as actividades de promoción do deporte durante o verán en Razo.
Así mesmo, foron aprobadas as bases da 10ª competición de series e do premio a proxecto de serie en galego do Festival Carballo Interplay 2023.