A Xunta anuncia a licitación das obras de reforma do parque do San Martiño, incluídas no plan para evitar as enchentes no Anllóns
Evencio Ferrero acompañou hoxe ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, nunha visita á zona da actuación
Mércores 13 de xullo do 2022 Carballo ao día
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, achegouse hoxe a Carballo para anunciar a licitación das obras de reforma do parque do San Martiño, que forman parte das medidas previstas no plan de xestión do risco de enchentes no río Anllóns. As empresas interesadas na execución dos traballos, que teñen un orzamento de 366.697,74 euros, teñen de prazo ata o 18 de agosto para presentar as súas ofertas.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañou ao delegado da Xunta durante a visita. Augas de Galicia e Concello de Carballo teñen asinado un convenio de colaboración para o desenvolvemento do plan. Tal como informa a propia Xunta, o acordo establece que o Concello de Carballo debe achegar os terreos, e nese sentido xa se aprobou en pleno o expediente de expropiación da superficie precisa para as obras. Á Xunta correspóndelle definir as actuacións, elaborar os proxectos e executar as obras. En total está previsto no noso concello un investimento de 3 millóns de euros, procedentes nun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
No caso concreto do San Martiño, o obxectivo da actuación é adoptar as medidas precisas para evitar que en época de enchentes a auga siga chegando ás vivendas e negocios da contorna. Para iso, os técnicos establecen a necesidade de construír motas de protección que contribúan á contención da auga e de modificar tanto a configuración como o emprazamento da ponte, que carece da altura necesaria para facilitar o fluxo do río e que, de feito, xa foi obxecto de varios cambios dende a súa construción. Agora haberá que derrubar para construír outra, máis alta e máis longa, dende o remate da rúa San Xoán Bautista ata a río Deza.
Limpeza de ríos
Por outra banda, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a realizar estes días traballos de limpeza nos treitos interurbanos dos regos Monte Neme, Oza e A Barcia. As actuacións abranguen uns cinco quilómetros, ao longo dos cales procédese á roza selectiva e á retirada de árbores e pólas.