Inicio Carballo ao día Hemeroteca Bo arranque da Praza dos Libros, que prolongou a...

Bo arranque da Praza dos Libros, que prolongou a animación habitual do mercado semanal ao resto da xornada

Xan Fernández Carrera ofreceu un pregón moi didáctico sobre o papel fundamental dos libros fronte á manipulación e á desinformación

Xoves 7 de xullo do 2022 Cultura

“Os libros e a lectura fannos máis cultos, máis imaxinativos e creativos, máis reflexivos e críticos, máis libres e mellores persoas”. Estas palabras de Xan Fernández Carrera, pregoeiro da renovada Praza dos Libros de Carballo, conteñen motivos máis que sobrados para seguir traballando no fomento da lectura. Pero aínda ofreceu máis, e por iso convidámoste a dedicar uns minutos á lectura do seu pregón, que podes descargar máis abaixo.

Xan Fernández Carrera levaba dous anos agardando para pronunciar o seu pregón, porque, como lembrou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, no acto de apertura da nosa feira literaria, xa ía ser o pregoeiro da Praza dos Libros que non puido celebrarse no ano 2020. Ademais do concelleiro e do pregoeiro, que previamente fora recibido na Alcaldía e asinara no Libro de Honra do Concello, falou tamén Evencio Ferrero. O alcalde lembrou os anos de docencia compartidos con Xan Fernández, a quen puxo como exemplo de compromiso co ensino e coa cultura galega. O acto inaugural comezou e rematou coa actuación da Banda Municipal de Gaitas.

Aínda que o pregón marcou oficialmente o arranque da nova plic!, as casetas das librarías Trasgo, Teldy, Ler, Clarión, Á lus do candil, Brañas Verdes, Demo e Espiral Maior Foro xa abriran as súas portas ás 11.00 horas, e antes de que rematase a mañá xa esgotaran as latas de atún cedidas por Conservas Calvo, un ano máis, para entregar como agasallo con cada compra. En representación da Fundación Luis Calvo Sanz, Chano Calvo asistiu ao pregón e participou no tradicional percorrido posterior polas casetas acompañando ao pregoeiro, o alcalde e outros membros da corporación.

A literatura en Carballo sempre ten premio. Ademais do atún, os libreiros entregan con cada compra unha tarxeta rasca que permite conseguir agasallos de todo tipo (chaveiros, libretas, fundas para teléfono, camisetas...) que che permitirán presumir de Carballo. E antes do domingo, no que volverán os moletiños de pan xa tradicionais, aínda haber algunha sorpresa máis para o público da Praza dos Libros.

A feira da creatividade cultural, como lle gusta chamala ao alcalde de Carballo, conseguiu que o ambiente do animado mercado semanal se prolongase durante todo o día. O concerto de Little Neno, a imprescindible ciclobiblioteca de Anxo Moure, as primeiras presentacións literarias, con Arantza Portabales e Henrique Monteagudo, e a proxección da película de animación Valentina encheron a primeira xornada da nosa Praza dos Libros, que continúa ata o domingo con moitas máis actividades para todos os públicos.

Descargas

Compartir: