Inicio Carballo ao día Hemeroteca A loita contra a violencia de xénero foi o...

A loita contra a violencia de xénero foi o eixo da reunión anual da Xunta Local de Seguridade

A subdelegada do Goberno na Coruña, acompañada polo alcalde, visitou tamén o novo equipo especializado con base no cuartel da Garda Civil

Xoves 7 de xullo do 2022 Carballo ao día

Participantes na Xunta Local de Seguridade

Participantes na Xunta Local de Seguridade

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, asistiu hoxe en Carballo á reunión anual da Xunta Local de Seguridade. Pero antes realizou unha visita ao cuartel da Garda Civil acompañada polo alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina, para coñecer o novo equipo especializado na loita contra a violencia de xénero que está a traballar dende principios de ano no noso concello.

A posta en marcha dos equipos Vioxén, que no caso de Carballo ten ámbito comarcal e está integrado por cinco axentes, ten como finalidade mellorar a calidade da atención ás vítimas, intensificar o seguimento de cada caso tanto para vítimas como para agresores e mellorar a coordinación coas policías locais. Segundo os datos ofrecidos pola subdelegada do Goberno, na provincia da Coruña hai 1.900 casos activos de violencia de xénero, de aí a creación dos dez novos equipos específicos, entre eles o de Carballo.

Visita ao cuartel da Garda Civil

Visita ao cuartel da Garda Civil

Despois da visita ao cuartel da Garda Civil, no que está previsto realizar obras de mellora por parte da Subdelegación do Goberno, María Rivas co-presidiu con Evencio Ferrero a reunión da Xunta Local de Seguridade, cuxo eixo foi, precisamente, a loita contra a violencia de xénero. Pero tamén, por segundo ano consecutivo, os representantes das forzas e corpos de seguridade manifestaron a súa preocupación polo incremento dos delitos informáticos.

Por parte da Policía Local de Carballo realizouse unha exposición das actuacións realizadas nos primeiros seis meses deste 2022 nos distintos ámbitos da súa competencia, especialmente en canto ao tráfico e ao cumprimento das ordenanzas municipais vixentes.

Compartir: