Inicio Carballo ao día Hemeroteca Importantes acordos da corporación...

Importantes acordos da corporación municipal nunha sesión que rematou dando voz á cidadanía

Entre outros asuntos foron aprobados os investimentos que se realizarán co remanente, a ordenanza de feiras e unha moción do PSOE sobre a Udiaf

Mércores 29 de xuño do 2022 Carballo ao día

Valentín Costa defendeu a moción do PSOE

Valentín Costa defendeu a moción do PSOE

A corporación municipal adoptou no pleno ordinario do mes de xuño, celebrado en plena resaca do San Xoán, acordos tan relevantes como a ordenanza reguladora das feiras e mercados tradicionais de Carballo e da venda ambulante, o anexo de expropiacións para a realización do by pass no río Anllóns, na zona do Muíño do Quinto, para evitar inundacións, ou os investimentos que se acometerán nos vindeiros meses con cargo ao remanente de tesourería por un total de 4,7 millóns de euros. Pero o tema que centrou o debate foi a moción presentada polo PSOE sobre o funcionamento da Udiaf, que durante unha hora puxo de manifesto as diferenzas entre o PP, que contou con só tres representantes pola ausencia de Paula Nogueira, e o resto dos grupos.

Tras ser rexeitada polos socialistas unha emenda presentada polos populares, o texto foi aprobado cos votos favorables de todos os grupos agás o PP, que se abstivo. Os acordos son os seguintes:

  1. Que se dea traslado á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia da urxencia da necesidade de dotar de máis medios á Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños, mediante recursos humanos e materiais para garantir que a prestación do servizo cumpra cos obxectivos e poder desta maneira intervir coa presteza e eficacia que os profesionais aportan cando non existen listas de espera coma as actuais.
  2. Establecer criterios obxectivos en base á poboación diana para o establecemento e dotación da rede galega de atención temperá.
  3. Blindar a calidade do servizo e dos seus profesionais a través dun financiamento de carácter plurianual.

A ordenanza reguladora das feiras e mercados tradicionais de Carballo e da venda ambulante saíu adiante coas abstencións dos grupos da oposición. O texto, que xa estivo exposto ao público para suxestións na fase de borrador, será agora sometido de novo a información pública tras a súa publicación no BOP.

En canto ao proxecto que se acometerá por parte de Augas de Galicia no Muíño do Quinto, dentro do plan de xestión do risco de inundación no río Anllóns, todos os grupos estiveron a favor agás TeGa, que se abstivo. Con este acordo, o Concello de Carballo asume a súa obriga, tal como establece o convenio de colaboración co ente autónomo da Xunta de Galicia, de poñer á súa disposición os terreos precisos para o desenvolvemento dos distintos proxectos previstos.

A proposta de investimentos con cargo ao remanente de tesourería foi aprobada coas abstencións da oposición. A modificación do orzamento permitirá incorporar 4.729.912,88 euros, cuxo destino figura na imaxe inferior.

Despois dos rogos e preguntas formulados por Terra Galega e o PSOE sobre diversas cuestións, a corporación permitiu que fixese uso da palabra un representante da CIG para explicar os motivos e os obxectivos da campaña que se está a levar a cabo en toda Galicia para conseguir un convenio digno para as traballadoras do sector dos coidados. A intervención está recollida no vídeo.

Vídeos

Compartir: