COMUNICACIÓNS
O Concello de Carballo xa pode recibir os servizos de R
Venres 20 de outubro do 2006
Cun investimento de 5,29 millóns de euros ao longo de 2006, R rematou os traballos en todo o núcleo urbano e na zona de Ambulatorio, cuxos habitantes xa están en disposición de recibir os servizos da compañía. Os das zonas de Ponte da Pedra, Anllóns e A Cristina poderán recibilos tamén ao longo deste último trimestre do ano. Ademais, estanse a instalar cabinas telefónicas en distintos puntos do concello para abrir, por vez primeira en Carballo, o servizo de telefonía pública á libre competencia.
Esta actuación de R no Concello de Carballo pretende satisfacer a demanda de novos servizos de comunicacións por parte dos veciños que deciden instalarse nas principais localidades. Neste sentido, a posta en marcha do proxecto de R apoiouse na plena disposición e colaboración do Concello, que desde o inicio manifestou o seu interese por situar á súa poboación ao máis alto nivel en canto á dotación das infraestruturas tecnolóxicas, así como por lles facilitar aos seus cidadáns o acceso a todos os servizos da Sociedade da Información.
O operador galego, tras despregar a súa rede nas principais cidades, onde a cobertura dos núcleos urbanos xa é case total, está a acometer o desenvolvemento da súa moderna infraestrutura noutras localidades. A conexión do Concello de Carballo á rede troncal de fibra óptica de R enmárcase, ademais, dentro do acordo firmado entre R e a Consellería de Industria e Innovación da Xunta de Galicia para que a banda ancha chegue a toda a xeografía galega. Desta maneira, a Consellería está a lograr que se implanten novas e capaces redes de telecomunicacións nos núcleos rurais e comarcais da nosa comunidade e que se fomente o uso das Tecnoloxías da Información.