Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xosé Regueira defende no foro CM...

Xosé Regueira defende no foro CM Málaga a inclusión da arte urbana nos circuítos museísticos e culturais

Martes 21 de xuño do 2022 Cultura

Xosé Regueira, no CM Málaga

Xosé Regueira, no CM Málaga

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, cualificou esta mañá na CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair as intervencións de arte urbano como “museos a ceo aberto”, nacidos ao abeiro da linguaxe e de prácticas artísticas contemporáneas “que xeran identidade, que conforman a memoria colectiva da veciñanza e que crean un sentimento de identificación en torno a estas pezas”.

Regueira, que baseou a súa exposición na evolución do Rexenera Fest de Carballo, aproveitou o seu relatorio para avogar pola consideración museística das obras e dos itinerarios que agrupan este tipo de pezas, co obxecto de que sexan incluídos nos circuítos culturais do país. “Estas intervencións artísticas rompen as barreiras dos contedores culturais -engadiu- porque non poucas veces, sen pretendelo, os contedores culturais tradicionais crean barreiras físicas e mentais que no caso dos museos a ceo aberto non existen, polo que tamén estamos falando dun acceso moito máis democrático á cultura”.

O concelleiro, cuxo relatorio estaba incluído no panel dedicado a dixitalización e propostas de museos híbridos, tamén fixo un percorrido por diferentes iniciativas de documentación e rexistro dixital dos murais de Carballo. "Estamos falando de pezas de arte efémera, destinadas a desaparecer no tempo por diversas casuísticas, polo que estamos apostando polo rexistro dixital entendido como una forma de salvar a identidade construída sobre o efémero". Concretamente explicou o caso de tres murais xa desaparecidos: un por ter sido “actualizado” por parte do propio autor nunha nova parede logo de que se derrubarse a orixinal, o segundo por unha reforma do edificio, e o terceiro tras degradarse polas condicións meteorolóxicas (pintouse unha nova obra no mesmo espazo este ano).

CM Málaga é un encontro internacional e multidisciplinar no que, tomando como referencia os conceptos de cultura e patrimonio, debátese sobre como as novas tecnoloxías están a crear formas de xestión cultural e turística máis sostibles e dixitalmente avanzadas, incidindo no desenvolvemento e a transformación das cidades e dos espazos urbanos, e neste ámbito Carballo é un referente.

Compartir: