Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Companhia Chapitô e Sarabela Teatro toman...

CULTURA

A Companhia Chapitô e Sarabela Teatro toman o relevo no Festival Internacional Outono de Teatro

Venres 20 de outubro do 2006

O Grande Criador, da Companhia Chapito, é unha divertida "versión" da Biblia na que un Deus humanizado nos achega a dilemas como de qué variedade era a mazá que comeu Eva, ou se a falta de espazo na Arca de Noé foi a verdadeira causa da extinción dos dinosaurios. Trátase doutra perspectiva, un pouco aloucada, sobre unha historia que todos coñecemos, a través dunha linguaxe artística moi persoal, de creación colectiva, que articula o teatro coa música, co movemento e con diferentes técnicas circenses, nun intento de crear un teatro máis universal. Esta interesante compañía portuguesa abre unha nova fiestra no FIOT que, a través dunha colaboración estable co Instituto Camoês, introducirá os espectáculos de Portugal na programación do festival. Dirixida polo británico John Mowat, desde a súa creación en 1996, a Compañía do Chapito realiza unha importante actividade tanto formativa como divulgativa na técnica do teatro do xesto, da que son especialistas. Con máis de 100 representacións anuais en diferentes países, é sen dúbida unha compañía de referencia a nivel internacional e unha das máis importantes do país luso.

Os galegos de sarabela Teatro serán os encargados de representar Macbeth o domingo. O afán de poder e a ambición desmedida farán que Macbeth e a súa dona conspiren e asasinen ao rei Duncan, desatando un inferno que son incapaces de controlar. A acción transcorre, neste caso, nunha guerra fratricida contemporánea, a Guerra de Bosnia, situándonos nun contorno próximo e fronte ao absurdo do que son todas as guerras. A historia da humanidade é a historia da loita violenta polo poder, conclúe Shakespeare. A compañía ourensá vén de celebrar o seu 25 aniversario enriba dos escenarios. Da man da prestixiosa e galardoada directora, e experta en Shakespeare, Helena Pimenta, achéganos a unha obra maestra da literatura universal.

Actividades paralelas

O Festival Internacional Outono de Teatro continúa esta fin de semana tanto con numerosas actividades paralelas. Así, é o turno do Teatro de Rúa, que achegará dosu espectáculos o venres 20 e o sábado 21, a cargo das compañías Troula Animación e Os sete magníficos máis un. O venres día 21 será o turno de Troula Animación, que poñerá en escea Piratas, un espectáculo vivo e intenso que poderá verse en dúas sesións. Unha primeira de 19,00 a 19,45 horas que sairá da Praza do Concello, e unha segunda función ás 01,00 horas na zona dos Baños Vellos. O sábado 21 continuará o Teatrp de Rúa coa compañía Os sete magníficos máis un e o seu espectáculo Kasting, a celebrar no Centro Comercial Bergantiños-Haley ás 18,30 horas. Por outra parte, este venres tamén terá lugar no Pazo da Cultura a presentación do número 48 da Revista Galega de Teatro, ás 20,30 horas, e a partir das 23,00 horas a Cervexaría Dublín acollerá a segunda eliminatoria do VI Certame Galego de Dramatización de Monólogos Cómicos Outono de Teatro, que contará con sete participantes de toda Galicia.

Ademáis, a venda de bonos, minibonos e entradas continúa no Pazo da Cultura en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 20,00 horas, de luns a venres nas oficinas da concellería de Cultura. Os días de función, sábados e domingos, poderanse adquirir entradas de 19,00 a 21,00 horas na taquilla do Pazo da Cultura.

Compartir: