Concello de Carballo e Dixardín colaboran nunha campaña de sensibilización sobre o coidado dos xardíns
O obxectivo da iniciativa é erradicar condutas que dificultan o mantemento das zonas verdes
Mércores 15 de xuño do 2022 Carballo ao día
A partir de hoxe poderás atopar carteis como o que aparece na imaxe nas distintas zonas verdes do noso concello. Estes letreiros con forma de piruleta sinalizarán lugares nos que había plantas que foron subtraídas. A desaparición de plantas é moito máis frecuente do que nos gustaría, o que obriga a realizar continuas reposicións. Na contorna do Fórum Carballo, por exemplo, faltan a práctica totalidade das flores que había nos maceteiros, que terán substitutas en breve.
Por desgraza, esa práctica repítese noutros lugares, sobre todo en zonas de paso. A Brigada Municipal de Xardíns ten que repoñer cada mes centos de plantas, moitas veces flores de temporada que se colocan nos xardíns, macizos ou maceteiros existentes en toda a zona urbana.
Outro problema deriva dos despistes que teñen en ocasións as familias nas proximidades dos parques infantís, onde os nenos e nenas aproveitan as zonas verdes para xogar e tamén provocan danos nas flores. No Rego da Balsa é preciso repoñer máis de 300 plantas de temporada que decoraban un dos macizos debido ao paso continuado da rapazada. En ocasións ocorre o mesmo coas mascotas.
O último obstáculo para manter as zonas verdes nas mellores condicións son os danos nas árbores que flanquean cada vez máis rúas, e que, sobre todo as fines de semana pola noite, son vítimas de actos vandálicos, e acaban rotas ou secan.
Para intentar mudar esta situación, o Concello de Carballo e Dixardín, o centro especial de emprego que integra a Brigada Municipal de Xardíns, estamos a levar a cabo unha campaña de sensibilización da veciñanza sobre a necesidade de coidar as zonas verdes, que son patrimonio de todas e todos, ao tempo que apelamos á colaboración veciñal para poñer en coñecemento da Policía Local calquera acción das descritas anteriormente.
A colocación das piruletas é un paso máis, tras o desenvolvemento de actividades como Presume de xardíns, en colaboración coas familias e os centros escolares; o curso de poda realizado este mesmo ano en Verdillo ou a plantación comunitaria de carballos que se levou a cabo en Bértoa coincidindo co Día Forestal Mundial. Todas estas iniciativas, xunto con outras que verán a luz nos vindeiros meses, forman parte do proxecto de educación medioambiental Catro estacións, vinculado á creación e mellora de zonas verdes e arboradas e espazos axardinados en distintos puntos do noso concello. O principal obxectivo é, precisamente, implicar á veciñanza na súa conservación a través dunha serie de iniciativas orientadas a fomentar o coñecemento da nosa riqueza de flora, poñer en valor os recursos naturais do territorio e fomentar o respecto polos xardíns como bens comunitarios.