O proxecto da última fase da travesía de Sísamo superará os 2 millóns de euros e incluirá a expropiación dos terreos
O alcalde deu a coñecer as novidades á veciñanza na reunión do Consello Parroquial
Mércores 15 de xuño do 2022 Participación veciñal
Reunión do Consello Parroquial de Sísamo
O proxecto da última fase da travesía de Sísamo volveu a ser o tema central do Consello Parroquial, dado que se trata da prioridade marcada pola veciñanza dende hai tempo. Despois da execución do treito máis urbano, Concello de Carballo e Deputación da Coruña (titular da vía) teñen asinado xa un protocolo de colaboración que deberá concretarse agora nun convenio.
Pero haberá cambios con respecto ás previsións iniciais: por unha banda, por parte da Deputación óptase finalmente pola vía da expropiación para a consecución dos terreos, xa que a través das cesións voluntarias non foi posible; por outra, foi preciso actualizar os prezos debido ao encarecemento dos materiais. Como consecuencia destas modificacións, o importe da obra aumenta ata algo máis de dous millóns de euros.
O alcalde, Evencio Ferrero, explicou as novidades aos membros do Consello Parroquial, que se reuniu este martes 14 de xuño. Malia o aumento, o financiamento da obra por parte da Deputación da Coruña está garantido, e por parte do Concello de Carballo intentará axilizarse toda a tramitación para que poida estar contratada este mesmo ano. O prazo de execución é de 12 meses.
A actuación abranguerá dende o remate da fase anterior, no PK 1+0189,50 (zona da ponte da autoestrada AG-55), ata o lugar do Outeiro, no PK 2+650. O proxecto inclúe todas as infraestruturas urbanas e a adaptación da vía á mobilidade urbana cunha solución a un ou dous niveis, dependendo da zona.
Por outra banda, no Consello Parroquial tamén se falou sobre o acondicionamento do terreo adquirido entre o Concello de Carballo e a veciñanza para dar servizo ás persoas que acoden aos actos eclesiásticos e ás festas, a ampliación do abastecemento de auga a Ramil, a mellora dalgúns tramos de vías ou a pavimentación dos Vilares, que está xa adxudicada e empezará este verán. Por parte da veciñanza tamén se presentou a proposta de construción dun novo centro social dados os problemas de accesibilidade e falta de funcionalidade que ten o actual. “Sabemos que se vai facer o de Xoane, pero poñémonos á cola”, indicou a secretaria do consello.