Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero ofrece o apoio do Concello tanto...

Evencio Ferrero ofrece o apoio do Concello tanto á AGAT coma á Xunta para mellorar a atención á infancia

O alcalde e a concelleira de Igualdade e Benestar acompañaron ao presidente da asociación e á coordinadora da Udiaf na rolda de prensa que ofreceron en Carballo

Luns 13 de xuño do 2022 Benestar

Evencio Ferrero, Yaiza Antelo, Jaime Ponte e Maica Ures

Evencio Ferrero, Yaiza Antelo, Jaime Ponte e Maica Ures

Evencio Ferrero expresou hoxe o apoio do Concello de Carballo tanto á Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), que xestiona a Unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar (UDIAF), como á Consellería Política Social, da que depende o servizo, para que os nenos e nenas de cero a seis anos reciban a mellor atención posible. “No seu momento colaboramos con AGAT para que non se perdese a oportunidade de contar con este servizo na comarca de Bergantiños, e nese sentido facilitamos a súa implantación coa cesión dun local, pero entendemos que a atención á infancia transcende as competencias dos concello e debe estar coordinado a nivel autonómico”, explicou.

O alcalde e a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, acompañaron hoxe ao presidente de AGAT, Jaime Ponte, e á coordinadora da Udiaf de Bergantiños, Yaiza Antelo, que quixeron realizar unha comparecencia pública para explicar a situación actual do servizo e aclarar diversas informacións difundidas nas últimas semanas sobre o seu funcionamento.

Jaime Ponte: "O que intentamos é cambiar as condicións e os entornos de crianza dos nenos, para que teñan as mellores condicións de socialización non só na hora nas que son atendidos na UDIAF, senón as 24 horas do día"

O presidente de AGAT, unha entidade formada por profesionais de diferentes áreas especialistas en desenvolvemento infantil, explicou que as tres UDIAD que xestionan en Galicia (Bergantiños, O Salnés e Deza) naceron hai 13 anos por iniciativa deses profesionais “e polo apoio da Xunta de Galicia”, aínda que, segundo expuxo Jaime Ponte, a comisión interconsellerías creada para abordar os protocolos e criterios de funcionamento non se reúne dende o ano 2014 nin se actualizan dende hai anos os orzamentos que se destinan ao financiamento do servizo, mentres que se están a primar novas unidades municipais que atenden a menos nenos con máis recursos.

Jaime Ponte achacou a esa falta de financiamento a precariedade actual do persoal, xa que, por exemplo, na UDIAF de Carballo os fondos só permiten manter a tres profesionais “para atender a unha comarca na que hai miles de nenos”. Iso provoca as longas listaxes de agarda existentes na actualidade. “Levamos anos advertindo desta situación e pedindo solucións”, asegurou. Hoxe mesmo, segundo indicou, recibiu unha chamada da Consellería de Política Social que podería ser o anuncio dunha solución, pero en AGAT pensan que o funcionamento das unidades “debe regularizarse e funcionar igual en toda Galicia”, e nese sentido están dispostos mesmo a deixar a xestión das unidades nas mans da Xunta.

Jaime Ponte pediu desculpas ás familias pola demora na atención e por posibles situacións nas que puidesen sentir que as súas demandas non foron ben acollidas. A UDIAF de Bergantiños leva atendidas a 402 familias, que sempre realizaron unha valoración excelente do servizo (a última, de 4,8 sobre 5), e en todos estes anos nunca se rexistrou unha reclamación. Ademais, quixo agradecer o apoio dos concellos e dos profesionais do ensino, da sanidade e dos servizos sociais cos que traballan a diariio, porque “o que intentamos é cambiar as condicións e os entornos de crianza dos nenos, para que teñan as mellores condicións de socialización non só na hora nas que son atendidos na UDIAF, senón as 24 horas do día”.

Yaiza Antelo, pola súa banda, explicou os cambios na periodicidade das sesións que foi preciso realizar durante a pandemia debido aos protocolos establecidos pola Xunta de Galicia, aínda que hoxe está restablecido o funcionamento habitual do servizo.

Tras escoitar aos representantes de AGAT e da UDIAF, Evencio Ferrero expresou o seu apoio á demanda de ampliación do servizo, “porque vendo a demanda é evidente que a dotación actual é insuficiente”, e manifestou a súa confianza na utilización de “criterios obxectivos e obxectivables” para atender as necesidades dunha poboación tan sensible como a infantil.

Compartir: