TODAS AS ZONAS DE BAÑO ACADAN A EXCELENCIA NAS AUGAS
Comeza a temporada alta nas praias coa posta a punto dos areais e do servizo de salvamento e socorrismo
O BOP publica hoxe unha segunda convocatoria de 5 prazas coa intención de completar o equipo de vixilancia
Venres 10 de xuño do 2022 Carballo ao día
Servizo de limpeza de praias
Coincidindo co inicio do mes de xuño empezou tamén a temporada alta para o servizo de limpeza de praias, do que se encarga un equipo da empresa Acciona Servicios Urbanos composto por cinco persoas. O contrato, vixente dende o verán do 2020, inclúe os traballos manuais e mecánicos precisos para a recollida de residuos nos areais e as súas zonas de influencia (zonas verdes, aparcamentos, accesos, parques infantís...), así coma as instalacións das praias (casetas de socorrismo, aseos, duchas...), a fonte de Arnados, as contornas da caseta das mariscadoras, e o local que ten Protección Civil no porto de Razo.
A intensidade dos labores de limpeza varía en función da época do ano. Nestes momentos estamos en temporada alta, xa que abrangue do 1 de xuño ao 15 de setembro, e os traballos realízanse a diario. Tamén será diaria a limpeza das casetas dos postos de vixilancia, que estarán operativos a partir desta fin de semana, mentres que no local de Protección Civil realizarase semanalmente. A empresa conta tamén cunha persoa na praia de maneira permanente para que os aseos estean sempre limpos.
Salvamento e socorrismo
Hoxe tomaron posesión os/as primeiros/as integrantes do equipo de salvamento e socorrismo que traballarán durante os próximos tres meses nas praias carballesas. O servizo empezará a funcionar esta fin de semana, aínda que con menos profesionais dos previstos. Para intentar completar o equipo, hoxe mesmo publicouse no Boletín Oficial da Provincial (BOP) o anuncio da segunda convocatoria de cinco prazas. As persoas interesadas dispoñen de cinco días naturais, do 11 ao 15 de xuño, ámbolos dous incluídos, para presentar as solicitudes. Atoparás máis información na ligazón inferior.
As cinco zonas de baño nas que está dividido o noso litoral acadan esta tempada a excelencia na calidade das augas de baño. Pero na procura da excelencia en todos os servizos, as praias carballesas volverán a contar cos certificados ISO 14001 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións. Tamén volverá a ondear a Bandeira Azul nos areais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, e a Senda do Mar Razo-Baldaio poderá presumir un ano máis do distintivo Sendeiro Azul.