Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Consellería de Medio Ambiente,...

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aproba definitivamente o catálogo de hórreos de Carballo

No noso concello están identificados algo máis de 1.000 cabazos

Xoves 9 de xuño do 2022 Carballo ao día

O hórreo de Leboreo, cos seus 18 pés, é o máis grande do concello

O hórreo de Leboreo, cos seus 18 pés, é o máis grande do concello

O Diario Oficial de Galicia publicou este 9 de xuño, case oito meses despois da aprobación provisional por parte da corporación municipal, a aprobación definitiva do catálogo de hórreos do noso concello. Este trámite pon fin despois de dous anos ao proceso de actualización do catálogo, de maneira que inclúa unicamente aqueles elementos que responden con exactitude á definición de patrimonio etnolóxico establecida na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, e determinar o grao de protección que corresponda en cada caso, regulando, en consecuencia, as obras que se poden realizar.

Como consecuencia do minucioso traballo de campo realizado, no municipio de Carballo quedan incluídos no catálogo algo un millar de hórreos, aproximadamente a metade dos que figuraban no PXOM. Durante o período de exposición pública só se presentaron cinco alegacións, das que foron aceptadas tres.

O exhaustivo traballo de campo realizado permitiu identificar no noso concello 9 tipos de hórreos, repartidos en catro categorías:

  • Hórreos de madeira: tipos “Mariñán” e “Bergantiñán”.
  • Hórreos de pedra e madeira: tipos “Carral”, “Carballo” e “Mahía”.
  • Hórreos de pedra: tipos “San Pedro de Visma”, “Coristanco” e “Fisterra”.
  • Hórreos de ladrillo ou cemento: tipo “Carballo”.

O novo catálogo inclúe unha ficha de cada un dos máis de mil hórreos na que figuran o lugar e a parroquia na que están situados, a localización con coordenadas e a referencia catastral. Ademais inclúense unha fotografía do hórreo, a descrición arquitectónica, as características normativas, o tipo de protección e incluso as determinacións para a súa conservación. A ficha complétase cun plano da delimitación do ámbito de protección.

Descargas

Compartir: