DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE
CEIP San Luís Romero e Concello de Carballo colaboran para identificar a flora e a fauna do Bosque do Añón
O alumnado realizou un traballo de investigación das especies existentes neste espazo tan emblemático e hoxe puidemos inaugurar os paneis que as identifican
Xoves 9 de xuño do 2022 Carballo ao día
Este ano trasladamos o Día Mundial do Medio Ambiente do 5 ao 9 de xuño para poder celebralo co alumnado do CEIP Xesús San Luís Romero. Os 117 nenos e nenas escolarizados neste cole carballés convertéronse en protagonistas dunha xornada moi especial, que se desenvolveu no Bosque do Añón, no fermoso recuncho que acolleu a antiga depuradora e que hoxe é unha das zonas de descanso situadas nas beiras do río Anllóns.
Ata alí desprazouse todo o alumnado e a práctica totalidade do profesorado, porque grazas ao traballo colectivo que levaron a cabo puidemos converter ese recuncho nunha zona, tamén, de coñecemento. Se te achegas, poderás atopar varios paneis informativos que inclúen unha completa ficha dunha especie de fauna por unha cara e dunha especie de flora pola outra. Non están todas as que son, pero todas as que están foron identificadas polo equipo da biblioteca do CEIP Xesús San Luís Romero en sucesivas saídas polo Bosque do Añón. O servizo de Medio Ambiente do Concello de Carballo realizou unha selección das máis representativas para estes primeiros paneis, pero hai moitas máis!
Esta nova colaboración entre o CEIP Xesús San Luís Romero e o Concello de Carballo, que se encargou da elaboración e colocación dos paneis, enmárcase nas actividades do programa de educación medioambiental Catro Estacións, no que estamos a recoller e desenvolver diferentes iniciativas a proposta dos centros educativos.
Para recompensar o traballo dos nenos e nenas, o alcalde fíxolles entrega dunha mochila e un libro para colorear. Evencio Ferrero estivo acompañado polos concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane durante un acto que se converteu nunha auténtica festa. Na páxina web e no vídeo podes completar a información.