Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comeza a segunda quenda de prácticas para...

Comeza a segunda quenda de prácticas para o alumnado do obradoiro de emprego "Carballo Coida"

Evencio Ferrero animou ao alumnado a aproveitar a oportunidade que lles ofrece esta acción formativa para incorporarse a un sector con moita demanda de traballadores/as

Mércores 8 de xuño do 2022 Benestar

O alcalde achegouse ata a aula de prácticas do Fórum Carballo

O alcalde achegouse ata a aula de prácticas do Fórum Carballo

O alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Carballo Coida, que está a formarse na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, comezou coa segunda quenda de prácticas.

Esta semana incorporáronse ás institucións colaboradoras outros nove alumnos e alumnas, que ata o 21 de xullo traballarán en dúas entidades diferentes para coñecer o traballo con persoas maiores, por unha banda, e con persoas con discapacidade, pola outra. Antes de iniciar esta última parte da súa formación recibiron a visita do alcalde, que puido comprobar a excelente acollida que está a ter o curso e as ganas de incorporarse ao mercado laboral que ten o alumnado. Evencio Ferrero animounas a aproveitar a oportunidade e desexoulles moita sorte no traballo e na vida.

O obradoiro dual de emprego Carballo Coida é un proxecto impulsado pola Concellaría de Formación e Emprego en coordinación coa de Igualdade e Benestar, coa intención, precisamente, de paliar un dos principais problemas das traballadoras e os traballadores do sector, que é a ausencia da titulación necesaria para acadar a inserción laboral.

Esta acción formativa está subvencionada pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia cunha achega de 346.946 euros, que tamén ten consignada unha partida de 16.500 euros para 11 incentivos á contratación laboral. Ademais, o obradoiro dual de emprego Carballo Coida conta coa colaboración das seguintes entidades para a realización das prácticas por parte do alumnado: Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Bergantiños (Afaber), Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte, Centro de día de persoas maiores Fogar de Bergantiños de Verdillo e Centro de día da Praza de Vigo.

Compartir: