Arteixo, A Laracha e Carballo traballan nunha estratexia conxunta de mobilidade baseada na conexión ferroviaria
Os alcaldes dos tres concellos sentan as bases para impulsar a creación dunha gran área loxística na zona de influencia de Punta Langosteira
Venres 3 de xuño do 2022 Carballo ao día
José Manuel López, Evencio Ferrero e Carlos Calvelo
Os concellos da Laracha, Carballo e Arteixo non queren deixar pasar de longo a oportunidade de desenvolvemento que supón o porto exterior. Para non perder ese tren, os seus alcaldes veñen de manter unha reunión de traballo na que abordaron a necesidade de definir unha estratexia conxunta de mobilidade que estea baseada, precisamente, na creación dunha conexión ferroviaria, pero tamén na mellora das comunicacións por estrada. O obxectivo final é converter este importante eixo industrial e residencial nunha gran área loxística de Punta Langosteira.
Evencio Ferrero: “Non importa que [as empresas] estean en Carballo, na Laracha ou en Arteixo; o importante é que non marchen para outros países, como está pasando”.
Considerando tanto o volume total de poboación -preto de 75.000 habitantes- como o potencial de creación de emprego dos catro parques empresariais situados neste eixo e os desprazamentos que xa se rexistran a diario por motivos laborais, José Manuel López Varela, Evencio Ferrero e Carlos Calvelo estableceron como obxectivo inmediato a redacción dun plan de mobilidade conxunto que defina as infraestruturas viarias e ferroviarias que é preciso crear ou renovar para ofrecer solucións que integran a mobilidade residencial coa industrial e a loxística. “O importante é que aquí vense vivir e traballar”, destacou o alcalde de Arteixo, e ese é un aspecto diferenciador con respecto a outras áreas metropolitanas.
Nese sentido, A Laracha, Carballo e Arteixo promoven este proxecto transformador e con visión de futuro para incrementar o potencial de desenvolvemento económico do eixo industrial, pero tamén para facilitar a mobilidade das persoas e cunha clara perspectiva de sustentabilidade, ao apostar polos transportes colectivos para reducir o uso dos vehículos particulares.
A xuntanza celebrouse no Concello da Laracha
Os tres concellos asinarán un convenio de colaboración para a redacción do documento, coa finalidade de presentalo ás administracións competentes -Xunta de Galicia e Goberno de España- e poder optar a fondos europeos para o seu financiamento.
Unha vez máis, os tres alcaldes reiteraron a importancia de que os concellos compartan estratexias de futuro e unha visión conxunta do territorio na procura do beneficio común de potenciar o desenvolvemento económico e social do eixo industrial Arteixo-A Laracha-Carballo. José Manuel López aludiu tamén á importancia de impulsar a ampliación do solo industrial “para non perder as oportunidades de implantación de novas empresas”. Nese sentido, Evencio Ferrero apuntou aos graves prexuízos que causa a deslocalización. “Non importa que estean en Carballo, na Laracha ou en Arteixo; o importante é que non marchen para outros países, como está pasando”.