O Consello Parroquial de Goiáns demanda da Xunta de Galicia a mellora da seguridade viaria na estrada AC-414
A veciñanza solicitará, a través do Concello, unha entrevista na Consellería de Infraestruturas para trasladarlle o seu malestar polo estado da vía
Venres 3 de xuño do 2022 Participación veciñal
No Consello Parroquial de Goiáns participaron máis de vinte persoas
O mal estado da estrada AC-414 ao seu paso por Xoane é a gran preocupación da veciñanza de Goiáns, e así o trasladou na reunión do Consello Parroquial celebrada este xoves e na que participaron máis de 20 persoas. Despois de presentar distintas peticións e de coñecer de primeira man o proxecto do Centro Social, que está en contratación, os/as asistentes á xuntanza reservaron para o final ese tema, que foi o que suscitou un maior debate. Os veciños e veciñas manifestáronse dispostos a tomar as medidas precisas para ser escoitados pola Xunta de Galicia, titular da vía, e o primeiro paso será a solicitude, a través do Concello de Carballo, dunha reunión cos responsables da Consellaría de Infaestruturas para facerlles chegar as demandas da cidadanía, que teñen que ver tanto co arranxo da vía como coa implantación de medidas de seguridade.
O alcalde, Evencio Ferrero, ofreceuse a realizar a xestión e a acompañar á veciñanza nesa entevista, e lembrou que dende o Concello de Carballo véñense realizando solicitudes de arranxo da estrada de xeito reiterado a través dos escritos remitidos á Consellería de Infraestruturas o 3 de marzo de 2017, o 10 de maio de 2018, o 13 de febreiro de 2019, o 1 de xullo de 2020 (este acompañado con 198 sinaturas de veciños e veciñas) e o 21 de agosto de 2021.
O alcalde púxose a disposición da veciñanza para intentar solucionar o problema da estrada
O mal estado e a perigosidade da vía autonómica é unha das principais preocupacións da veciñanza de Goiáns, tal como teñen reiterado en sucesivos consellos parroquiais. Por unha banda solicitan a continuación das beirarrúas tanto ata a conexión con Carballo coma, polo outro lado, ata o remate do lugar de Xoane. Ademais, consideran que as rotondas deixan illada á parroquia, polo que piden unha alternativa para o tráfico peonil; demandan medidas redutoras da velocidade e o acondicionamento da estrada e das beirarrúas existentes.
Por parte do goberno municipal tense manifestado en repetidas ocasións a disposición do Concello de Carballo a participar no financiamento dunha actuación de mellora integral da vía, asumindo a titularidade da mesma cando rematen as obras. Evencio Ferrero considera que unha solución axeitada para ese treito podería ser unha senda ciclopeonil coma as que se están a executar noutros puntos do concello.
En relación coa seguridade viaria, no Consello Parroquial tamén se acordou, co visto bo de todos os partidos políticos representados na xuntanza, trasladar o tema á Xunta Local de Seguridade para ver que medidas sería preciso adoptar. Nesa xuntanza tamén se abordaría outra das grandes preocupacións da veciñanza, que é a existencia dun punto de venda de droga que provoca moita circulación pola pista da escola.