A Concellaría de Terceira Idade retoma os cursos para aprender a usar os teléfonos móbiles
O primeiro impártese xa en Sofán, pero o prazo de inscrición segue aberto coa intención de levar a formación a todas as parroquias
Xoves 2 de xuño do 2022 Participación veciñal
O 11 de marzo do 2020 comezaban en Sofán, por segundo ano consecutivo, os cursos para aprender a usar os teléfonos móbiles organizados pola Concellaría da Terceira Idade. A declaración do estado de alarma tres días despois só permitiu que se impartise a primeira sesión. Esta semana, despois de dous anos de espera, volvemos a poñer en marcha os cursos, e, como non podía ser doutro xeito, comezamos en Sofán. Ata alí achegáronse este mércores o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Terceira Idade, Mar Eirís.
Despois da excelente aceptación que tiveron os cursos no ano 2019, cun total de 280 participantes na práctica totalidade das parroquias, o Concello de Carballo volve a ofrecer á veciñanza, especialmente ás persoas maiores, a posibilidade de aprender a sacar máis partido aos seus teléfonos móbiles. E unha vez máis contamos coa colaboración do voluntariado da Cruz Vermella, que se encarga da formación.
Para intentar chegar a todo o territorio e ao maior número de persoas interesadas, a través dos consellos parroquiais, que tamén se están reactivando, e do movemento asociativo, empezamos a difundir a iniciativa co obxectivo de planificar os cursos para todo o ano. As persoas interesadas, de calquera das 18 parroquias do noso concello, teñen varios xeitos de inscribirse:
- A través das asociacións da súa parroquia e/ou dos consellos parroquiais.
- Na Biblioteca Rego da Balsa.
- De maneira telemática, cubrindo o formulario online que atoparedes ao final desta nova.
En función do número e o lugar de residencia dos veciños e veciñas inscritos elaborarase, en coordinación coa Cruz Vermella, o calendario dos cursos en cada centro social. En cada grupo poderán participar 15 persoas, dado que se trata dunha formación moi personalizada, e, como o ano pasado, impartiranse 3 sesións de dúas horas de duración cada unha.
Ademais desta actividade, dende o Concello de Carballo estamos a traballar na planificación doutras propostas formativas e lúdicas para levar aos distintos centros sociais, e tamén estamos abertos ás suxestións que poidan chegar dende a propia veciñanza, como sucedeu co exitoso curso de poda que levamos a cabo a principios de ano en Verdillo.