Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Consello Parroquial de Vilela propón a...

O Consello Parroquial de Vilela propón a utilización do futuro espazo público do Pombal como praza polivalente

Mércores 1 de xuño do 2022 Participación veciñal

O Consello Parroquial de Vilela interesouse polo estado do proxecto para o acondicionamento dun espazo público na contorna do fermoso pombal situado nas inmediacións da igrexa de San Miguel. O alcalde, Evencio Ferrero, informou de que o documento está pendente da revisión de prezos, imprescindible dado o aumento do custe dos materiais, e que é intención do goberno municipal financiar a obra con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais. Os representantes veciñais expuxeron que na reunión previa entre a veciñanza abordáronse posibles usos para o espazo, e que a opinión xeralizada é que se dedique a praza polivalente, tanto para a celebración das festas como para aparcamento nos días de actos eclesiásticos. Por parte do Concello de Carballo acatarase a decisión popular.

Outra prioridade para a veciñanza é o despregue das redes de auga e saneamento. O alcalde informou de que as redes pendentes na parroquia de Vilela forman parte do proxecto que está a elaborar Augas de Galicia para a zona de Baldaio, e que, despois de dous anos, aínda non se entregou no Concello de Carballo. Evencio Ferrero anticipou que será un investimento moi cuantioso, por riba dos tres millóns de euros probablemente, e que de non existir co-financiamento por parte da Xunta de Galicia, o Concello terá que acometer a execución das obras por fases.

Entre outras peticións relacionadas con distintos servizos públicos, na xuntanza falouse tamén sobre a mellora do Centro Social. Xa están previston o acondicionamento do aseo e o arranxo da parede para a colocación dun espello, e tamén se está traballando no proxecto de ampliación cara o parque infantil.

Compartir: