Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha declaración institucional de condena...

Unha declaración institucional de condena da agresión machista a unha veciña do noso concello abriu o pleno

A corporación municipal convoca á veciñanza a unha concentración que se celebrará mañá martes ás 19 horas na Praza do Concello

Luns 30 de maio do 2022 Carballo ao día

Evencio Ferrero leu a declaración institucional

Evencio Ferrero leu a declaración institucional

O pleno de maio comezou cunha declaración institución de condena da agresión machista a unha veciña do noso concello. Con toda a corporación en pé, o alcalde, Evencio Ferrero, procedeu á lectura do seguinte texto, apoiado por todos os grupos políticos:

“Dende este salón de plenos, no nome de toda a sociedade carballesa e co desexo dunha pronta recuperación, queremos facerlle chegar a Alejandra toda a forza do pobo de Carballo, e queremos convidar aos nosos veciños e veciñas a concentrarse mañá martes, ás 19.00 horas na Praza do Concello como mostra da solidariedade de toda a veciñanza e como símbolo do compromiso do pobo de Carballo contra as violencias. Volvemos rexeitar a violencia de xénero e condenamos a brutal agresión machista que vén de sufrir a nosa veciña. Esa brutalidade, que hoxe sufrimos todas e todos, cunha nai de familia, unha irmá, unha filla, unha amiga... debaténdose entre a vida e a morte. E iso ten que facernos reflexionar sobre todos os casos de violencia de xénero que se producen cada día á nosa beira e que permanecen agochados dentro dos fogares, nese ámbito do que hai quen non quere que saian porque seguen negando a evidencia dunha violencia que agride, e tamén mata, ás mulleres polo simple feito de selo”.

Compartir: