Avanzan as obras dos novos nichos do cemiterio municipal e en breve comezará a construción dos columbarios
Evencio Ferrero realizou unha nova visita para comprobar a evolución dos traballos
Mércores 25 de maio do 2022 Carballo ao día
O alcalde, Evencio Ferrero, realizou unha nova visita ao cemiterio municipal para comprobar a evolución das obras de ampliación que se están a levar a cabo, afectadas nos últimos meses polos problemas de desabastecemento que teñen en vilo ao sector da construción. Estes días estase procedendo á colocación das cubertas dos novos panteóns, que están moi avanzados, e de seguido iniciarase a construción dos columbarios.
Nesta primeira fase do proxecto de ampliación do cemiterio municipal, que está a executar a empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 647.000 euros, construiranse 720 nichos e 96 columbarios, pero o proxecto completo, que se seguirá desenvolvendo nos vindeiros anos para dar resposta á gran demanda existente, inclúe nove bloques de niños _dous deles dando continuidade a panteóns xa existentes e o resto, coma bloques illados_ e cinco de columbarios. Tanto nun caso coma noutro, a disposición dos nichos será en catro alturas e os acabados, en pedra natural, mantendo o modelo actual. En total está prevista a construción de 456 panteóns con 1.824 nichos e de 256 columbarios distribuídos en 64 columnas.
Así mesmo, en cumprimento da lexislación autonómica sobre sanidade mortuoria, nesta primeira fase procederase á instalación dun forno incinerador para a eliminación de roupas, útiles, madeiras e demais residuos procedentes da evacuación e limpeza de sepulturas ou do propio cemiterio. A intervención complétase coa urbanización da contorna, mediante a pavimentación das rúas que comunican os bloques de nichos e columbarios, a instalación de bancos, luminarias, papeleiras e billas.