A creación dunha senda peonil dende a Igrexa ata A Canosa é unha das principais demandas do Consello Parroquial de Rus
A próxima xuntanza está prevista para o xoves 19 no Centro Social de Verdillo
Venres 13 de maio do 2022 Participación veciñal
Imaxe da xuntanza do Consello Parroquial de Rus
Unha das principais demandas do Consello Parroquial de Rus é a construción dunha senda peonil que facilite os desprazamentos da veciñanza entre A Canosa e a Igrexa. A solicitude non é nova, pero foi reiterada na xuntanza deste xoves. O alcalde, Evencio Ferrero, explicou que, ao tratarse dunha vía provincial, a actuación está suxeita aos criterios da Deputación, polo que ou ben se consegue a cesión do 100% dos terreos afectados ou ben sería preciso iniciar un proceso de expropiación. En calquera caso, pola súa parte ofreceuse a volver a trasladar a petición veciñal ao organismo provincial.
Do mesmo xeito, dende o Concello de Carballo trasladadase á Xunta de Galicia outra demanda para mellorar a visibilidade e a seguridade viaria no acceso á estrada autonómica AC-400 no lugar do Outón.
Tamén quedou o Concello encargado de reiterar ás compañías telefónicas a solicitude da veciñanza para completar a cobertura de telefonía móbil nos lugares da parroquia que aínda carecen dela. Por parte do Consello Parroquial pediuse tamén a instalación dunha rede wi-fi no Centro Social de Rus.
Como na xuntanza do martes en Entrecruces, en Rus tamén houbo queixas polos danos e obstáculos que provocan na rede viaria as empresas madeireiras, e reclamaron unha maior contundencia na aplicación de sancións.
O Consello Parroquial trasladoulle ao alcalde outras necesidades, como a instalación de marquesiñas ou a reposición de sinais, ademais de propostas de arranxo de vías ou de mellora da roza. A instalación de aparatos de ximnasia para maiores en distintos puntos da parroquia foi outra das demandas.
As próximas xuntanzas serán nos centros sociais de Verdillo, o día 19; Ardaña, o 24; Imende (Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos), o 26, e Vilela, o 31.