Inicio Carballo ao día Hemeroteca ‘Imperial Café Cantante’ e...

CULTURA

‘Imperial Café Cantante’ e ‘Entrañas’ abren as representacións da XV edición do FIOT

Venres 13 de outubro do 2006

A estrea do Festival corresponde á obra Imperial Café Cantante. Cando en Europa emerxen os fascismos e en España se vai iniciar a guerra fratricida máis cruenta, o Imperial: Café Cantante, trata de superar a competencia doutros dous cafés de variedades vigueses contratando unha artista portuguesa, María das Neves. O seu debut congregará á flor e nata da noite olívica, un fervedoiro de estrañas personaxes e múltiples actividades como a Casablanca de Bogart nos anos 40, que se verá envolta nunha nova realidade chea de incertidume. A compañía compostelá fundada polo director e autor teatral Eduardo Alonso e a actriz Luma Gómez hai case 20 anos, inaugurará o FIOT coa recentísima estrea dunha gran produción que conta cun reparto de 10 actores e actrices, música en directo, elaborada escenografía e coidado vestiario, que nos auguran un grande espectáculo. O texto e dirección da obra pertence a Eduardo Alonso, sendo os seus intérpretes Maxo Barjas, Carlos Mosquera "Mos", Miguel Pernas, Imma António, Luma Gómez, Xavier Estévez, Xan Casas, Ramón Orencio, Xosé Vilarelle e Brandán Lourenzo. A escenografía e vestiario é de Paco Conesa e a dirección e composición musical de Bernardo Martínez.

A segunda das representacións da fin de semana será Entrañas. Co anuncio da súa maternidade, xorde en Sole a necesidade de saber máis sobre o seu pasado. Un baleiro na memoria familiar lévaa a unha viaxe por todo o país para coñecer o destino final do seu avó, desaparecido na Guerra Civil. Unha viaxe emocional, na que se suceden escenas tráxicas e cómicas, sempre tenras, a través de múltiples personaxes que encarnan tres actores. No ano 2004 Titzina Teatre visitounos coa súa galardoada opera prima Sueños de psiquiátrico e, nesta ocasión, chegan a Carballo co seu segundo traballo. Caracterizados polas súas coidadas producións e por un tratamento especial dos personaxes, estes cataláns afondarán na memoria colectiva a través dunha viaxe física e histórica. Entrañas está dirixida por Stefam Metz e conta, no seu reparto, con Laia Martí, Pako Merino e Diego Lorca. O deseño, iluminación e escenografía corre a cargo de Raimon Rius, o deseño de son é de Manuel Sánchez e o vestiario de Bárbara Glaenzel.

A programación completa no web do FIOT.

Compartir: