Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo acondiciona novas...

O Concello de Carballo acondiciona novas áreas de aparcamento gratuíto xunto ao Mercado Municipal

O sistema de comodato permítenos poñer a disposición da cidadanía máis de 2.300 prazas de uso libre repartidas en 40 parcelas de toda a zona urbana

Xoves 12 de maio do 2022 Carballo ao día

O goberno municipal de Carballo vén apostando pola fórmula do comodato para crear unha bolsa de estacionamentos gratuítos que supera as 2.300 prazas. Hoxe, coincidindo co mercado semanal, entrou en servizo de maneira provisional un novo aparcamento na rúa Gravador Facal, xunto ao Mercado Municipal, con capacidade para máis de 50 vehículos.

A principal bolsa de aparcamentos da zona urbana continúa nas beiras do Rego da Balsa, con máis de 800 prazas para vehículos repartidas nunha ducia de parcelas. O aparcamento situado no exterior do Centro Comercial Bergantiños, neste caso en terreo municipal, é, coas súas 210 prazas, o máis grande de Carballo. O resto das prazas repártense polos barrios do Hospital, A Granxa, A Milagrosa, O Chorís, o San Martiño e o centro, buscando sempre emprazamentos o máis próximos posible ás zonas comerciais e de servizos. Nos últimos meses tamén acondicionamos novos aparcamentos no Campo da Feira e no ámbito da Cristina, o último con capacidade para uns 150 vehículos.

Mediante o sistema de comodato, que consiste na cesión provisional do solo por parte dos seus propietarios a cambio da exención de impostos, o noso concello é hoxe en día un referente en Galicia, e o modelo carballés xa se está a aplicar noutros concellos. Unha das condicións do comodato é que a propiedade pode recuperar o seu uso cando o precise. As persoas interesadas en ceder os seus solares mentres non os precisen para outro destino poden poñerse en contacto co Concello no 981704100 ou a través do enderezo electrónico infocarballo@carballo.gal.

Compartir: