O Carballo Coworking iniciou un ciclo de charlas informativas en obradoiros de emprego e institutos de secundaria
Persoal técnico e usuarios do espazo colaborativo situado no Fórum Carballo participaron esta semana nas tres primeiras sesións
Mércores 11 de maio do 2022 Carballo ao día
Obradoiro de emprego Camiño do solpor IV
Dentro da campaña de promoción e difusión que está levando a cabo o Carballo Coworking pola Costa da Morte, esta semana foi a quenda de obradoiros de emprego e centros de educación secundaria.
IES Terra de Soneira
A primeira parada do coworking carballés tivo lugar o martes 10 na Casa da Cultura de Cee, ata onde se achegou o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego “Camiño do solpor IV” para coñecer o funcionamento do espazo colaborativo situado no Fórum Carballo e os beneficios e prestacións que ofrece aos usuarios/as que optan por este modelo para poñer en marcha os seus proxectos empresariais. Na mesma xornada celebrouse outro encontro con estudantes de Economía de 4º da ESO e dos ciclos de formación profesional do IES Terra de Soneira de Vimianzo, que aproveitaron a ocasión para despexar algunhas dúbidas sobre o sistema de traballo colaborativo.
IES Eduardo Pondal
Ademais de información técnica sobre o coworking carballés, os/as participantes tiveron a oportunidade de escoitar aos verdadeiros protagonistas deste espazo: os coworkers. O carballés Óscar Vázquez Abelenda, deseñador gráfico de Ouvea Creatividade Gráfica, narrou a súa experiencia como usuario desta 2ª edición, ao tempo que puxo en valor a existencia destes espazos “que permiten reducir ao mínimo os custes e relacionarte con outras persoas que están pasando polo mesmo ca ti”, subliñou.
As charlas continuaron este mércores 11 no IES Eduardo Pondal de Ponteceso coa participación, ademais, doutro usuario da 1ª edición. David Moa, deseñador web e creador de agarimo.online, sumouse ao encontro co alumnado de Economía, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial e ciclos formativos para explicar o seu paso polo coworking e animar á mocidade a facer uso destes recursos “totalmente gratuítos e moi valiosos á hora de emprender”.
As sesións informativas retomarase o día 23, de 13 a 14 horas, no IES Isidro Parga Pondal de Carballo.
As persoas interesadas en formar parte do Carballo Coworking poden solicitar máis información achegándose de luns e venres, de 09.30 a 15.00 horas, ao 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo; a través da páxina web www.coworkingcarballo.gal ou chamando ao 881 983 520.