Moita participación no Consello Parroquial de Entrecruces, o primeiro dende que empezou a pandemia
A próxima xuntanza está prevista para o xoves 12 no Centro Social de Rus
Mércores 11 de maio do 2022 Participación veciñal
No Consello Parroquial de Entrecruces participaron unha trintena de persoas
Os consellos parroquiais están de novo en marcha. O primeiro dende o inicio da pandemia celebrouse este martes en Entrecruces, con moita participación. Arredor de 30 persoas encheron o Centro Social, no que tamén se van recuperando pouco a pouco outro tipo de actividades.
O alcalde, Evencio Ferrero, informou á veciñanza sobre a aprobación do proxecto de abastecemento de auga a Entrecruces, que está pendente dos informes sectoriais para poder iniciar o procedemento de contratación e executar a obra o ano que vén. O investimento acada os 530.000 euros.
Ademais do alcalde, na xuntanza participaron representantes de todos os grupos da corporación municipal, así como do movemento asociativo da parroquia e veciños e veciñas a título individual. Por parte da veciñanza presentáronse solicitudes de distintas actuacións, fundamentalmente de limpeza de vías, alumeado, xestión de residuos, posta a punto de elementos etnográficos e acondicionamento de espazos de ocio para infancia e maiores. Outra cuestión, que ademais repítese en varios consellos, é o control da actividade madeireira, dados os danos que provocan os vehículos nos camiños.
Mañá xoves reunirase o Consello Parroquial de Rus, tamén ás 20.00 horas. As próximas xuntanzas serán nos centros sociais de Verdillo, o día 19; Ardaña, o 24; Imende (Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos), o 26, e Vilela, o 31.