Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo, "Premio Escoba de Plata" por...

Carballo, "Premio Escoba de Plata" por un proceso de transformación urbana baseado na sustentabilidade

A entrega dos galardóns anuais, convocados pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus), será o 15 de xuño en Madrid

Venres 6 de maio do 2022 Carballo ao día

Carballo é, xunto con Azuqueca de Henares (Castela-A Mancha) e Riba-Roja de Túria (Comunidade Valenciá), un dos tres concellos de 20.001 a 50.000 habitantes que recibirá este ano o premio Escoba de Plata (Vasoira de Prata), outorgado pola Asociación Técnica para la Gestión de Residuos y Medio Ambiente (Ategrus) en recoñecemento ao proceso de transformación urbana, baseado na sustentabilidade, que está a vivir o noso concello.

Ategrus concede cada dous anos os Premios Escobas de Plata, Oro y Platino aos organismos que, segundo apunta a propia asociación, “máis destacan polas súas iniciativas ambientais, premiando os esforzos realizados para estimular os avances tecnolóxicos e de concienciación que serven para ir mellorando a nosa calidade de vida e a sustentabilidade”.

No caso de Carballo, o xurado valorou a transformación urbana iniciada no ano 2004 co obxectivo de crear “unha cidade sostible, realizando en todo momento accións de concienciación, sempre da man da cidadanía, xa que todas as accións transformadoras buscan a complicidade da poboación a través do coñecemento”. No acto de entrega dos premios, previsto para o 15 de xuño en Madrid (auditorio sur de Ifema), Carballo coincidirá con Vigo, A Coruña e Monforte de Lemos, outros concellos galegos galardoados.

O concurso leva celebradas xa 18 edicións, ao longo das cales foron outorgados máis de mil galardóns a municipios, deputacións, comunidades autónomas, empresas e universidades de España, Andorra, Portugal, México, Chile, Arxentina e Perú. A primeira edición foi convocada no ano 1987 pola Unión Europea dento do Ano Europeo do Medio Ambiente, e da súa organización no Estado español encárgase dende aquela Ategrus, unha entidade sen ánimo de lucro que facilita persoal técnico e servizos encamiñados a mellorar a xestión dos residuos, e que forma parte da asociación internacional ISWA.

Por que unha vasoira? Porque, tal como indican en Ategrus, foi “o primeiro instrumento usado na historia da limpeza e que seguirá sendo indispensable malia a introdución de novas tecnoloxías”.

Ligazóns

Compartir: