Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carballo Coworking difunde a cultura...

O Carballo Coworking difunde a cultura emprendedora pola Costa da Morte

Iniciada unha campaña de promoción en concellos, obradoiros de emprego e centros de secundaria

Venres 6 de maio do 2022 Carballo ao día

A segunda edición do Carballo Coworking está dando moito que falar. E a razón non é outra que a campaña de promoción e difusión que se está a levar a cabo por toda a Costa da Morte para dar a coñecer este espazo de traballo colaborativo, impulsado pola área de Promoción Económica do Concello de Carballo e integrado na Rede de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

Infórmate sobre o Carballo Coworking no 881 983 520, no Fórum Carballo en www.coworkingcarballo.gal

Persoal técnico do coworking vén de iniciar un percorrido pola contorna para visitar, un a un, os 16 concellos que conforman a Costa da Morte, ademais doutros municipios próximos como Arteixo, Cerceda ou Santa Comba. Para falar sobre os servizos e as vantaxes que este espazo compartido ofrece a persoas emprendedoras e/ou empresas de nova creación leváronse a cabo encontros con técnicos/as de emprego e responsables municipais dos servizos de Orientación Laboral, Promoción do Emprego ou Emprendemento, aos que tamén se lles facilitou diverso material informativo para a súa difusión entre a veciñanza. Así mesmo, mantivéronse reunións coas principais asociacións de empresarios da contorna e outras entidades como o GALP Costa da Morte, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte e a Asociación de Desenvolvemento de Bergantiños.

Charlas

A campaña de promoción e divulgación do Carballo Coworking continuará durante todo mes de maio, aínda que agora serán os centros de educación secundaria e os obradoiros de emprego os destinatarios dun ciclo de charlas informativas dirixidas a captar talento entre o alumnado e promover o autoemprego e o emprendemento, aproveitando os recursos tecnolóxicos e todos os beneficios deste espazo colaborativo situado no Fórum Carballo.

A primeira cita será o martes 10, ás 10.00 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Cee, para dar a coñecer ao alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego "Camiño do Solpor IV” os servizos e prestacións que teñen á súa disposición no coworking carballés. A continuación, sobre as 12.45 horas, será a quenda dos estudantes da área de Economía e Emprendemento do IES Terra de Soneira, en Vimianzo. As sesións informativas continuarán o mércores 11, ás 11.30 horas, no IES Eduardo Pondal de Ponteceso, mentres que a visita Isidro Parga Pondal de Carballo celebrarase o luns 23, de 13 a 14 horas. En todas as sesións participará persoal técnico do coworking, para explicar o funcionamento e a finalidade destes espazos, acompañado dalgúns coworkers da primeira e a segunda edicións, que narrarán as súas propias vivencias no centro.

Actualmente o coworking está en pleno proceso de admisión de solicitudes. As persoas interesadas en formar parte deste espazo, como emprendedores/as ou novas empresas, poden solicitar máis información achegándose de luns e venres, en horario de 09.30 a 15.00 horas, á sede do coworking (2º andar da nave 1 do Fórum Carballo), chamando ao teléfono 881 983 520 ou visitando a web www.coworkingcarballo.gal.

Compartir: