8 concellos asistiron en Carballo á xornada sobre fondos europeos organizada polo Colexio de Enxeñeiros de Obras Públicas
O concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, abriu o acto cun convite a traballar por unha comarca máis sustentable
Xoves 5 de maio do 2022 Carballo ao día
Carballo acolleu este xoves a primeira das seis xornadas sobre o papel da enxeñería civil na xestión sustentable dos concellos organizadas polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas coa colaboración da Deputación da Coruña, a Asociación Mundo Atlántico e, neste caso, o Concello de Carballo. Representantes doutros oito concellos da contorna asistiron ao acto, que foi inaugurado polo concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade.
Ademais de agradecer a elección de Carballo para a celebración da xornada e de dar a benvida aos asistentes, entre os que se atopaban, principalmente, técnicos municipais pero tamén representantes de varias empresas, Iván Andrade incidiu a importancia de traballar cunha estratexia compartida que nos permita acadar unha comarca máis sustentable. O concelleiro carballés destacou que o acceso a fondos europeos como os Next Generation depende en boa medida da capacidade que teñan as administracións para adaptarse á Estratexia 2030 de desenvolvemento sostible.
O obxectivo da sesión de hoxe foi, precisamente, informar sobre o papel que xoga a enxeñería civil á hora de elaborar proxectos susceptibles de recibir financiamento europeo, especialmente nestes momentos nos que están sobre a mesa os fondos NextGenerationEU.