Inicio Carballo ao día Hemeroteca AJE Galicia pon en marcha en Carballo o programa...

AJE Galicia pon en marcha en Carballo o programa piloto de apoio ao emprendemento "Impulso rural"

Dez persoas, que desenvolverán nove proxectos empresariais, recibirán asesoramento personalizado e formación específica

Mércores 4 de maio do 2022 Carballo ao día

No proxecto participan 10 emprendedores/as con 9 proxectos empresariais

No proxecto participan 10 emprendedores/as con 9 proxectos empresariais

O Fórum Carballo é a sede dun novo programa de fomento do emprendemento, nesta ocasión grazas a unha iniciativa de AJE Galicia que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Carballo. Miguel Miragaya, presidente de AJE Coruña; Fany Suárez, subdirectora da Oficina Galicia Emprende do Igape, e Milagros Lantes, concelleira de Planificación, Estratexia Urbana e Contratación, participaron na presentación do proxecto, dirixido por Noelia Rodríguez, en representación das tres entidades implicadas.

Impulso rural é un programa piloto que se estrea en Carballo. Nesta primeira experiencia participan 10 emprendedores/as e pemes do noso concello e do resto da comarca cun total de 9 proxectos. O obxectivo é facilitarlles as ferramentas necesarias para que poidan impulsar os seus negocios no actual contexto económico. Neste sentido, o programa combina asesoramento personalizado e talleres formativos en habilidades clave, coa innovación, o deseño de negocio e a dixitalización como elementos transversais. Cada empresa terá acceso a 18 horas de formación e 6 horas de asesoramento individual, conducidas por un mentor de proxecto e un mentor especialista que se asignará en función das necesidades de cada proposta.

Noelia Rodríguez, Miguel Miragaya, Fany Suárez e Milagros Lantes

Noelia Rodríguez, Miguel Miragaya, Fany Suárez e Milagros Lantes

Con esta iniciativa é posible “achegar os recursos aos lugares onde xorden as ideas. Por iso nos gusta o programa, porque permite que as ideas emprendedoras se desenvolvan onde nacen”, destacou Fany Suárez.

A concelleira Milagros Lantes desexou aos participantes “que poidades levar a cabo os proxectos que tedes en mente, e se podedes facelo en Carballo para ter un futuro de vida aquí, moito mellor”.

Hoxe desenvolveuse a primeira acción formativa, “Da oportunidade ao mercado”, pero ata o 8 de xuño levaranse a cabo outros cinco talleres nos que se abordarán aspectos como a innovación, a creación dunha estratexia de márketing, as ferramentas de xestión para rendibilizar unha empresa, o deseño de produtos e servizos innovadores na era dixital e as estratexias de colaboración e crecemento. O programa rematará o 16 de xuño cunha xornada de networking no propio Fórum Carballo.

O Concello de Carballo vén apostando por diferentes iniciativas que contribúen ao fomento do emprendemento, dende a posta en marcha do Carballo Coworking, que se atopa en pleno proceso de recepción de solicitudes, ata o Laboratorio de emprendemento social e solidario, que tamén inclúe diferentes obradoiros ata o 27 de xuño e no que tamén está aberta a participación.

Compartir: