Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo presta asesoramento técnico en...

Carballo presta asesoramento técnico en xestión de residuos a varios concellos galegos

Persoal municipal desprazouse hoxe ata Oroso para analizar a xestión da materia orgánica nese concello

Mércores 4 de maio do 2022 Carballo ao día

O asesor técnico de Medio Ambiente do Concello de Carballo desprazouse hoxe a Oroso

O asesor técnico de Medio Ambiente do Concello de Carballo desprazouse hoxe a Oroso

Carballo é un concello de referencia en toda Galicia en materia de xestión dos residuos sólidos urbanos, e moi especialmente na compostaxe. Despois da visita que realizaron o mes pasado a Carballo o alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, e outros membros do seu equipo de goberno, hoxe desprazouse ata Oroso o asesor técnico de Medio Ambiente do Concello de Carballo, Santiago Andrade, para analizar a xestión da materia orgánica nese concello de cara á posible posta en marcha dun programa de compostaxe.

En liña coa Estratexia Española de Economía Circular, a nova Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todas as entidades a reducir gradualmente os residuos, e establece un calendario de implantación da recollida separada de biorresiduos domésticos, a partir deste ano para concellos con máis de 5.000 habitantes, e a partir do 2024, para todos os demais, o que obriga a todos os gobernos municipais a adoptar plans de xestión como o que ten implantado o noso concello, que foi pioneiro, dende hai xa varios anos.

Dende Carballo tense prestado asesoramento a varios concellos galegos, como Barreiros, Cedeira, Ponteareas, O Rosal ou Tomiño. E tamén atenderemos a petición de apoio que vén de realizar o Concello de Santiago de Compostela, así como de calquera outro que o solicite.

Compartir: