A Concellaría de Promoción Económica destina 70.000 euros para as subvencións anuais a asociacións de empresarios e comerciantes
Os recursos destinados a impulsar as actividades de dinamización empresarial e comercial aumentaron un 159% dende o ano 2015
Martes 3 de maio do 2022 Carballo ao día
Por segundo ano consecutivo, a Concellaría de Promoción Económica destina 70.000 euros á convocatoria anual de subvencións destinadas a asociacións de empresarios e comerciantes para impulsar acción de dinamización, programas de formación e actividades de promoción económica.
Dende o ano 2015, no que se convocaron por vez primeira estas axudas, os recursos destinados a financiar as actividades das asociacións empresariais e comerciais aumentaron un 159%, pasando de 27.000 a 70.000 euros en só seis anos.
O prazo de solicitude comeza hoxe martes, tras a publicación onte do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As entidades dispoñen de 20 días naturais para presentar as súas solicitudes. Tanto as bases coma o impreso están dispoñibles na sección de Convocatorias de www.carballo.gal.
As actividades subvencionables serán as de difusión, promoción e apoio do tecido empresarial local, a formación e as accións de dinamización da actividade económica local. Os gastos de carácter xeral da entidade (persoal e gastos correntes) serán subvencionables cando se adscriban á realización da actividade obxecto de subvención co límite máximo do 50% do orzamento total subvencionable, o que deberá quedar suficientemente motivado. Exclúense desta convocatoria os gastos de viaxes, manutención, aloxamento e atención protocolaria e os gastos que non se correspondan cos obxectivos da convocatoria. A subvención por entidade poderá acadar ata o 80% do orzamento total do programa presentado, ata un importe máximo de 30.000 euros.