Inicio Carballo ao día Hemeroteca Milagros Lantes Seara será a nova delegada...

NOMEAMENTO

Milagros Lantes Seara será a nova delegada provincial de Cultura e Deportes

Xoves 1 de setembro do 2005

Da súa tarefa ao cargo da Concellaría de Sanidade, Servizos sociais e Muller destacan a posta en marcha da Escola infantil municipal de Carballo, ampliouse o servizo de axuda a domicilio coa creación dunha nova ordenanza e déuselle maior relevancia aos problemas da muller. Dende o Concello sacouse o II Plan de igualdade de oportunidades das mulleres 2005-2008, e participouse en proxectos coma o Equal, destinado a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das mulleres.

O proxecto máis recente no que se estaba a traballar na Concellaría é a posta en marcha dun plan de accesibilidade para eliminar as barreiras arquitectónicas no casco urbano e nos edificios municipais. Milagros Lantes quíxolle "agradecer especialmente aos funcionarios e aos técnicos" da súa área o seu traballo "duro e arduo que está a dar moi bos resultados".

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo agradecer o traballo da futura delegada provincial de Cultura e Deportes no Grupo municipal do BNG e sinalou que o nomeamento é un premio tamén para Carballo. "En Milagros teremos unha persoa que defenda os intereses da comarca", sinalou, "ademais, que dende a nova Consellaría se pensase nela para ese posto tamén avala o traballo que estamos a facer en Carballo".

Traxectoria

Milagros Lantes Seara, mestra de Primaria de profesión, conta ademais con 8 anos de experiencia na oposición no Concello de Carballo. Comezou co seu compromiso político no ano 1977, no movemento estudantil Erga e posteriormente na ANPG. Sempre ligada ao nacionalismo, participou na fundación do Bloque Nacionalista Galego, traballou a prol da cultura dende o asociacionismo e ocupou postos en órganos de dirección da comarca sempre que lle foi posible. Nas pasadas eleccións autonómicas ocupaba o posto número 10 das listas nacionalistas pola provincia da Coruña.

A futura delegada provincial cesará do seu cargo como concelleira durante a celebración do Pleno municipal extraordinario convocado para o luns 5 de setembro, e ten previsto tomar sesión do seu novo cargo ao longo desa mesma semana. O novo concelleiro delegado de Sanidade, Servizos sociais e Muller será Xoán Ramón García del Río.

Compartir: