Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volven os consellos parroquiais para seguir...

Volven os consellos parroquiais para seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal

A primeira xuntanza tras a pandemia celebrarase o 10 de maio no Centro Social de Entrecruces

Mércores 27 de abril do 2022 Participación veciñal

Os consellos parroquiais retomarán a súa actividade no mes de maio. Dende o Concello de Carballo queremos seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal, e os consellos parroquiais constitúen unha canle fundamental.

Despois dun período de formación que se levou a cabo a finais do ano 2016, o 3 de febreiro do 2017 celebrouse en Ardaña o primeiro consello parroquial do Concello de Carballo. Dende aquela lévanse realizado decenas de xuntanzas en todas as parroquias, téñense producíronse numerosos cambios na súa composición e mesmo asistimos á unificación dos de Noicela e Rebordelos nun único consello.

Nestes momentos están constituídos 16 consellos parroquiais, nos que antes da pandemia participaban de xeito directo máis de 300 veciños e veciñas, e moitos máis de xeito indirecto, xa que antes da reunión cos representantes municipais é habitual que a veciñanza celebre xuntanzas abertas para recoller as propostas que despois serán trasladadas ao Concello de Carballo.

Nos consellos parroquiais participan o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos políticos municipais. Por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.

As reunións estiveron paralizadas durante a pandemia, pero agardamos que a partir de agora poidan celebrarse de xeito ininterrompido. Este ano as sesións celebraranse os martes e os xoves ás 20.00 horas entre os meses de maio, xuño e setembro. O calendario provisional para o mes de maio é o seguinte:

  • Día 10, Entrecruces
  • Día 12, Rus
  • Día 19, Verdillo
  • Día 24, Ardaña
  • Día 26, Noicela-Rebordelos
  • Día 31, Vilela

Compartir: