Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobados coa abstención da...

Aprobados coa abstención da oposición o regulamento de funcionamento e as taxas do Mercado Municipal

As dúas mocións presentadas polo PSOE recibiron o apoio unánime da corporación, mentres que a do PP foi rexeitada

Martes 26 de abril do 2022 Carballo ao día

Os concelleiros e concelleiras do BNG celebraron o 25 de abirl con caraveis vermellos

Os concelleiros e concelleiras do BNG celebraron o 25 de abirl con caraveis vermellos

Xa é oficial. O Mercado Municipal de Carballo ten un novo regulamento de funcionamento e unhas novas taxas que se aplicarán ás futuras concesións. A corporación municipal aprobounos na sesión ordinaria celebrada este luns sen ningún voto en contra pero coas abstencións dos tres grupos da oposición. O mesmo resultado acadaron outras tres propostas presentadas polo goberno municipal do BNG: o recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores por un importe de 18.578,95 euros, a conta de recadación e a actualización do inventario municipal de bens.

Pero neste pleno, que os concelleiros e as concelleiras do BNG celebraron con cadanseu caravel vermello por coincidir en 25 de abril, tamén houbo sitio para a unanimidade. Toda a corporación manifestouse a favor das modificacións puntuais do PXOM que afectan aos núcleos de Ponte Rosende e A Brea, e tamén foi unánime a aprobación das dúas mocións presentadas polo PSOE.

Por unha banda, a corporación municipal expresou a solidariedade e apoio ao pobo saharauí, ademais de comprometerse a reforzar as actividades de cooperación e acción humanitaria en colaboración co tecido asociativo municipal. O pleno tamén insta ás partes en conflito a traballar na procura “dunha solución política aceptable por ámbalas partes” e ao Goberno de España “a que se continúe axudando ao Enviado Persoal do Secretario Xeral de Nacións Unidas para o Sahara Occidental, Staffan de Mistura, no seu labor para alcanzar unha solución mutuamente aceptable no marco de Nacións Unidas”.

A segunda moción aprobada por unanimidade implica, por unha banda, que se estuden as opción para poder dotar de baños públicos a Praza do Concello e para estender ese servizo a outras zonas do concello.

Os grupos da oposición presentaron tres mocións, rogos e preguntas

Os grupos da oposición presentaron tres mocións, rogos e preguntas

O PP tamén presentou unha moción na que solicitaba modificacións nas sendas ciclo-peonís do proxecto Cicl-Ando Carballo, pero, despois dunha hora de debate, o máis longo e tenso da sesión, foi rexeitada polo goberno.

No apartado de seguimento de órganos de goberno, o alcalde informou sobre a liquidación do orzamento do ano pasado, que se pechou cun remanente de 11.192.000 euros e sen débedas con entidades financeiras. A única débeda do Concello de Carballo é a do PAI da Deputación, por 3 millóns de euros. O ano pasado non se cumpriu a regra de gasto nin a estabilidade orzamentaria, aínda que, como lembrou Evencio Ferrero, “son dúas normas que non están vixentes”. A sesión rematou cos rogos e preguntas da oposición pasadas xa as 23.00 horas.

Compartir: