A BRIGADA DE OBRAS INICIOU O MANTEMENTO DOUTROS ESTACIONAMENTOS
A suba do material encarece un 22,54% as obras de pavimentación de varios aparcamentos, que saen de novo a licitación
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria de hoxe o expediente de contratación por 158.277,14 euros
Luns 25 de abril do 2022 Carballo ao día
Hoxe empezaron no aparcamento situado xunto ao lavadoiro os traballos de mantemento de varios espazos para vehículos
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de contratación das obras de pavimentación de varios espazos urbanos destinados a aparcamento. A licitación dos traballos realizarase por segunda vez. A primeira quedaron desertos, dado que a única empresa que se presentou entrou en concurso de acredores e non se puido realizar a adxudicación. Pero este proceso tamén se viu afectado polo forte incremento dos prezos do material de construción, un problema que afecta ás empresas e ás administracións de todo o Estado, e que neste caso puido solucionarse cunha revisión do proxecto. Entre o primeiro, de xuño do 2021, e o actual, que ten data de marzo do 2022, ámbolos dous redactados polos enxeñeiros municipais, a suba estimada acada o 22,54%, de xeito que o prezo de licitación pasa de 129.161,73 a 158.277,14 euros.
As actuacións están previstas nos seguintes espazos de aparcamento:
- Pazo da Cultura: 2.250 metros cadrados
- Rúa Perú: 2.250 metros cadrados
- Rúa Río: 700 metros cadrados
- Fórum Carballo: 1.000 metros cadrados
- Depósitos de auga: 2.200 metros cadrados
En todos os casos os traballos inclúen a explanación, sumidoiros, gabias e pavimentación con aglomerado. Tamén se realizará a sinalización horizontal e vertical, e ademais instalaranse luminarias onde sexa preciso.
O Concello de Carballo conta cunha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) de 64.580,86 euros, dentro do Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sustentable MOVES II.
TRABALLOS DE MANTEMENTO
Ademais das obras de aglomerado que se levarán a cabo nestes cinco aparcamentos, a Brigada Municipal de Obras iniciou hoxe o acondicionamento doutros espazos destinados ao estacionamento de vehículos que manterán polo momento o pavimento de zahorra. Os operarios traballaron hoxe na superficie de máis de 3.600 metros cadrados situada xunto ao lavadoiro da Rúa do Pan, con capacidade para máis de 130 vehículos e cun nivel de uso moi elevado que obriga, precisamente, a reforzar os traballos de mantemento.