Comezou a instalación da nova ponte do Parque do Anllóns, que quedará operativa nos vindeiros días
O Concello de Carballo realizou un investimento de 43.974 euros na reposición do paso elevado, que soluciona os problemas de accesibilidade e mantemento
Luns 25 de abril do 2022 Carballo ao día
Hoxe comezaron os traballos de instalación da nova pasarela do Parque do Anllóns, unha ponte de metal e formigón que solucionará os problemas de accesibilidade e mantemento da anterior, e que, dado o elevado risco de inundación que supón o río Anllóns ao seu paso pola zona urbana, é máis elevada. A nova ponte, construída e instalada pola empresa de José Ramón González Campos, supuxo un investimento de 43.974,03 euros.
A anterior ponte de madeira tivo que ser retirada, despois de vinte anos, pola falta de seguridade que representaba dados danos acumulados na estrutura de madeira ao longo dese período. O 2 de decembro do ano 2020 someteuse a información pública o novo proxecto, e o 21 de xaneiro do 2021 enviouse o certificado correspondente a Augas de Galicia, organismo autonómico que debe autorizar calquera actuación nas zonas de ribeira.
A aprobación de Augas para a colocación da nova ponte chegou ao Concello de Carballo o 28 de setembro do ano 2021, o que permitiu iniciar o procedemento de contratación das obras. A sinatura do contrato coa empresa adxudicataria realizouse o 15 de decembro. A construción da nova ponte viuse afectada polos problemas de subministro de material, pero, finalmente, hoxe chegou a Carballo e comezou a súa instalación.
As obras xeraron unha importante expectación, dado que a colocación da ponte era unha demanda veciñal reiterada. O alcalde, o concelleiro Juan Seoane e a concelleira Milagros Lantes tamén quixeron achegarse para ver a nova ponte, pola que poderemos transitar nos vindeiros días. A pasarela mide 16 metros de longo e 2,19 de ancho.
Pero a ponte non é a única infraestrutura renovada no Parque do Anllóns. O Concello de Carballo tamén procedeu nos últimos meses á reconstrución do palco da música e tamén da rampla de acceso ao río, renovados por completo con madeira tratada para intentar que se manteña nas mellores condicións durante o máximo tempo posible.