Inicio Carballo ao día Hemeroteca A campaña de trampeo contra a avespa...

A campaña de trampeo contra a avespa velutina conta xa con 154 persoas colaboradoras no noso concello

Podes solicitar unha trampa e líquido atraente de balde a través da nosa páxina web

Mércores 13 de abril do 2022 Carballo ao día

O Servizo Municipal de Control de Pragas conta xa con 154 persoas colaboradoras na loita contra a avespa velutina. Dende que se puxo en marcha a campaña anual de trampeo foron distribuídas 969 trampas e 670 litros de líquido atraente, pero seguimos recibindo peticións, tanto de maneira presencial nas oficinas da empresa concesionaria (rúa Brasil, número 27) coma a través do formulario web que atoparás na portada da nosa páxina web e ao final desta nova.

De xeito paralelo, este ano organizamos cinco charlas en distintas zonas do concello coa finalidade de achegar a información a toda a poboación. As sesións, nas que participaron un total de 70 persoas, desenvolvéronse nos centros sociais de Sofán, Rus, Lema, Cances e a Escola de Arrabaldes. O apicultor José Antonio Pereira e o responsable do servizo, Isidro Rodríguez, explicaron dun xeito moi ameno tanto os prexuízos da avespa asiática para a cría de abellas e a produción de mel como as medidas para previr picaduras ou o xeito de preparar unha trampa caseira, entre outros aspectos. En todas as charlas participou tamén o alcalde, Evencio Ferrero.

Dende o Concello de Carballo queremos agradecer a implicación da cidadanía na loita contra unha especie invasora que está a minguar a produción local de mel e de froita. A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. Lembra que agora os avisos dos niños que poidan ir aparecendo deben tramitarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.

Ligazóns

Compartir: