Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local adxudicou obras por un...

A Xunta de Goberno Local adxudicou obras por un importe superior a 750.000 euros

Entre as actuacións previstas figuran a nova cuberta do pavillón do CEIP Gándara-Sofán e a reforma integral dos parques infantís do Chorís e a Praza do Hospital

Luns 11 de abril do 2022 Carballo ao día

Imaxe de arquivo dunha visita ao CEIP Gándara-Sofán

Imaxe de arquivo dunha visita ao CEIP Gándara-Sofán

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar un importante paquete de obras por un importe total superior aos 750.000 euros. As actuacións que se levarán a cabo son as seguintes:

Melloras da rede de abastecemento en 20 rúas urbanas: Antón Fraguas, Muíño, Río Miño, Avenida da Milagrosa, Río Anllóns, Enxeñeiro Barreira, Andoriña, Gran Vía, Lousa e Titanio (polígono de Bértoa), Vázquez de Parga, Muíño, Mendel, Camiño do Bosque, Pan, Gardenias, Doutor Severo Ochoa, Tarragona, Dalias e Nacente. O obxectivo xeral das actuacións previstas, que teñen un custo de 169.192,22 euros e forman parte do POS+Adicional 2/2021, é a mellora das presións da rede, a cloración e a garantía do subministro. A empresa adxudicataria é Gestión y Técnicas del Agua (Gestagua).

Proxecto de execución das obras da rotonda prevista na AC-552 que corresponde ao sistema xeral viario VI/AU06. A glorieta situarase na zona da Revolta. Parte dos terreos son de dominio público, outros corresponden á cesión obrigada que se deriva da construción do Parque Comercial A Revolta e catro parcelas, cun total de 565 metros cadrados, foron expropiadas. A actuación conta cos informes favorables tanto do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas coma de Augas de Galicia, e será executada pola empresa Excavaciones y Obras Candal por 197.218,86 euros.

Substitución de cuberta e outras melloras no pavillón polideportivo do CEIP Gándara-Sofán. As obras serán executadas pola empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 208.579,69 euros.

Contrato mixto de subministro e obras de adecuación dos parques infantís da Praza do Hospital e o Parque do Chorís. Adxudicado tamén a Vázquez y Reino por 106.003,78 euros. O obxectivo é renovar as instalacións pero tamén facelas accesibles para todos os nenos e nenas e crear espazos de convivencia interxeracional.

Obras de reurbanización da rúa Chile. Esta actuación permitirá seguir avanzando na execución do proxecto de reurbanización de toda a contorna do balneario, tras as obras que se están realizando agora mesmo nas rúas Baños Vellos, Ourense e Pontevedra. A mellora da rúa Chile, tanto no que respecta a servizos coma a mobilidade, correrá a cargo da empresa Gestal y López por un importe de 77.106,49 euros.

Outros acordos

En materia de contratación, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a prórroga por un ano, dende o 18 de maio deste ano ata o 18 de maio do 2023, do contrato de servizos para a asesoría xurídica do Centro de Información á Muller (CIM) coa empresa Amoroso y Asociados, por 17.424 euros.

Tamén se iniciou o expediente relativo ao contrato de implantación dun servizo integral de impresión, cun orzamento de 54.208 euros por 16 meses.

Compartir: