Inicio Carballo ao día Novas Nace en Carballo o Laboratorio de emprendemento...

Nace en Carballo o Laboratorio de emprendemento social e solidario para promover "unha economía distinta"

Do 18 de abril ao 27 de xuño desenvolveranse no noso concello accións formativas, obradoiros e mostras de experiencias. Inscríbete!

Xoves 7 de abril do 2022 Promoción Económica

Evencio Ferrero, Helena Sanmamede e Paula Lema

Evencio Ferrero, Helena Sanmamede e Paula Lema

Promover o emprendemento baixo os principios e o modelo da economía social e solidaria, tendo en conta a sustentabilidade ambiental, a defensa da equidade nas relacións económicas, a busca da cooperación, a ausencia de ánimo de lucro e o compromiso coa contorna son os sólidos piares que sustentan o Laboratorio de emprendemento social e solidario, unha iniciativa pioneira que nace da colaboración entre o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, e Reas Galicia, a rede de redes de economía alternativa e solidaria.

Representantes das dúas entidades que unen as súas forzas na procura dunha “economía distinta”, máis solidaria e xusta, presentaron hoxe o programa de actividades que se desenvolverán dende o 18 deste mes ata o 27 de xuño.

Paula Lema, técnica de Promoción Económica do Concello de Carballo, aludiu á importancia de promover “novas ideas de actividade económica”, na liña da Feira de Economía Social que se celebrou meses atrás e que foi o xermolo desta nova iniciativa conxunta.

Helena Sanmamede, que forma parte do equipo técnico de Reas Galicia, insistiu na mesma idea, e na necesidade desa “economía distinta, tan necesaria nos tempos actuais”, na que mellorar a calidade de vida das persoas sexa o principal obxectivo.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pecho a rolda de intervencións apelando á necesidade de que a sociedade coñeza “experiencias exitosas no emprendemento social, porque as sociedades son moi fráxiles e temos que intentar facelas máis sólidas”. O alcalde agradeceu a proposta de Reas Galicia e deixou aberta a porta a futuras colaboracións.

O laboratorio

Esta primeira experiencia de laboratorio inclúe tres tipos de actividades: obradoiros de innovación baseados nos retos e necesidades do territorio, divulgación de experiencias de economía social inspiradoras, e formación sobre economía social e redes nas que apoiarse a través de talleres formativos.

Este é o calendario:

  • 18 abril. Taller formativo: O cooperativismo como fórmula empresarial (2,5 horas)
  • 26 abril. Obradoiro de innovación: A economía social como ferramenta de desenvolvemento económico e xeración de emprego (4 horas)
  • 2 maio.Taller formativo: As sociedades laborais como fórmula empresarial (2,5 horas)
  • 19 maio. Obradoiro de innovación: que poden facer as TIC pola economía social (4 horas)
  • 30 maio. Mostra de experiencias: finanzas éticas como fórmulas de financiamento de proxectos sociais (2,5 horas)
  • 13 xuño. Mostra de experiencias no ámbito do consumo (2,5 horas)
  • 27 xuño. Mostra de experiencias nos ámbitos dos coidados (2,5 horas)

Aínda que as actividades, sete en total, son independentes, dende Reas Galicia convídase ás persoas interesadas a realizar o itinerario completo. As inscricións poden realizarse a través do formulario que atoparás máis abaixo.

Ligazóns

Compartir: