Inicio Carballo ao día Hemeroteca O goberno local de Oroso visitou Carballo para...

O goberno local de Oroso visitou Carballo para aprender da nosa experiencia en compostaxe

O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, tamén deu a coñecer esta semana a nosa política de residuos no Foro Galego de Economía Circular

Xoves 7 de abril do 2022 Carballo ao día

A xuntanza celebrouse na Alcaldía

A xuntanza celebrouse na Alcaldía

Hoxe recibimos a visita do alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, e dos seus compañeiros do goberno municipal José Calvo Rey e Antonio Leira Piñeiro, que se achegaron ata Carballo para aprender da nosa experiencia en compostaxe.

Os representantes do Concello de Oroso mantiveron unha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que expuxeron as liñas básicas da nosa política de xestión dos residuos, os aspectos administrativos e o funcionamento do servizo, sobre todo no que se refire ao programa de compostaxe na zona rural e á experiencia urbana “Ti tes a chave”.

En liña coa Estratexia Española de Economía Circular, a nova Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todas as entidades a reducir gradualmente os residuos, e establece un calendario de implantación da recollida separada de biorresiduos domésticos, a partir deste ano para concellos con máis de 5.000 habitantes, e a partir do 2024, para todos os demais, o que obriga a todos os gobernos municipais a adoptar plans de xestión como o que ten implantado o noso concello, que foi pioneiro, dende hai xa varios anos.

Luis Lamas, no Foro Galego de Economía Circular

Luis Lamas, no Foro Galego de Economía Circular

Precisamente a análise da nova Lei de residuos e solos contaminados e a regulación de envases e residuos de envases centrou a primeira reunión do Foro Galego de Economía Circular, que se celebrou os días 5 e 6 en Santiago, e na que tamén se deu a coñecer a experiencia de Carballo nunha mesa na que participou o concelleiro Luis Lamas, xunto con representantes dos concellos de Santiago, Curtis e Lugo.

Compartir: