Inicio Carballo ao día Hemeroteca Primavera enDanza celebra 20 anos con cinco...

ENTRADAS Á VENDA EN ATAQUILLA.COM

Primavera enDanza celebra 20 anos con cinco espectáculos que volven a situarnos na vangarda cultural

Tres compañías galegas, unha valenciana e outra andaluza pasarán polo escenario do Pazo da Cultura entre o 22 de abril e o 8 de maio

Mércores 6 de abril do 2022 Cultura

Carballo volve a situarse na vangarda da cultura galega grazas a Primavera enDanza, un programa excepcional en Galicia que ofrece unha ampla perspectiva de calidade da danza contemporánea de dentro e fóra da nosa comunidade autónoma. Primavera enDanza celebra 20 anos convertido “nun exemplo a seguir”, como puido escoitarse de xeito reiterado na presentación do programa, que tivo lugar este martes no Pazo da Cultura.

Representantes de todas as compañías participaron no acto, ben presencialmente ou ben telematicamente, xunto co concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que unha vez máis convidou ao resto dos concellos a programar danza. “Gústanos ser pioneiros, pero tamén nos gusta ser multitude”, declarou.

Primavera enDanza celébrase arredor do Día Mundial da Danza, o 29 de abril, pero vai moito máis alá da conmemoración dun día. Do 22 de abril ao 8 de maio poderemos asistir a cinco espectáculos, na súa maior parte incluídos na Rede Galega de Teatros e Auditorios, que traerán a Carballo a tres compañías galegas, unha valenciana e outra andaluza, con propostas para todo tipo de espectadores.

Colectivo Glovo, que actuará por primeira vez no Pazo da Cultura, presentará EM-NA o día 22. O 23 visitaranos a compañía de Fran Sieira co espectáculo DeMente, que pretende dar visibilidade ás enfermidades mentais, como explicou o seu director e intérprete. Tamén dende Galicia chega unha importante e interesante proposta que mestura tradición e danza contemporánea grazas ao tándem creado por Janet Novás e Mercedes Peón, ás que teremos en Carballo o día 30.

E xa no mes de maio chegarán as propostas doutros puntos da península. A alicantina OtraDanza, que xa estivo en Carballo en edicións anteriores, traeranos nesta ocasión o espectáculo Vigor mortis. E pecharemos o ciclo coa compañía granadina DA.TE Danza e o espectáculo infantil e familiar Natanam, co que conseguiu o Premio Feten ao achegamento da danza á primeira infancia 2021.

Ademais do seu interese intrínseco, a danza contemporánea é unha manifestación artística con gran repercusión nas artes escénicas actuais que ten un alto potencial creativo, de innovación e experimentación. Polo tanto, recomendamos a todas as persoas que queiran estar ao día nas últimas propostas artísticas que non se perdan Primavera enDanza. As entradas xa están á venda en www.ataquilla.com.

Ligazóns

Vídeos

Compartir: