Aberto o prazo de inscrición para a carreira popular 10k Carballo, que trae novidades no seu décimo aniversario
Co obxectivo de axudar ao pobo ucraíno, por primeira vez habilitarase unha fila 0 solidaria a favor da Cruz Vermella
Mércores 6 de abril do 2022 Deporte
Sete minutos despois da apertura do prazo, ás 00.00 horas de hoxe, confirmábase a primeira inscrición para a 10K Carballo, organizada pola Concellaría de Deporte. A carreira popular do Concello de Carballo volverá o 5 de xuño para celebrar a súa décima edición, despois de dous anos de ausencia obrigada, coa intención de consolidarse como unha cita de referencia no calendario autonómico de atletismo. A rapidez desa primeira inscrición alenta as boas expectativas.
A 10k Carballo é unha proba oficial da Federación Galega de Atletismo, na que poden participar un máximo de 1.000 persoas nas categorías absolutas e de 2.000 no cómputo global do evento. Tanto para a proba absoluta (deportistas nados/as antes do 2004) como para a carreira adaptada, que comparten os 10.000 metros de percorrido, establécese unha cota de 5 euros. A participación no resto das categorías (sub18/sub16, sub14/sub12, sub 10, pitufos dende o ano 2015 ata o 2018, e biberón para os/as nados/as no 2019) será gratuíta. As inscricións poden realizarse a través da páxina web 10k.carballo.gal
A carreira popular do Concello de Carballo incorpora este ano, por primeira vez, unha fila 0 solidaria. Coa finalidade de axudar a Ucraína, o importe procedente desa fila 0 destinarase ao pobo ucraíno a través da Cruz Vermella de Carballo.
Outra das novidades desta edición tan especial serán os premios en metálico:
- 1º clasificado e 1ª clasificada 10K: 300,00 €
- 2º clasificado e 2ª clasificada 10K: 200,00 €
- 3º clasificado e 3ª clasificada 10K: 100,00 €
- Récord da proba: 300 € (o récord actual é de 32:02)
- 1º carballés e 1ª carballesa: trofeo e material deportivo valorado en 150 €
A Concellaría de Deporte porá varios servizos a disposición dos/as participantes, como un punto de avituallamento, duchas e fisioterapia. A recollida de dorsais e chips poderá realizarse o mesmo 5 de xuño a partir das 08.00 horas e ata 20 minutos antes da saída de cada categoría, ou ben o sábado 4 de xuño, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, no Mercado Municipal. Os/as participantes deberán presentar certificado de vacinación contra a COVID-19, de test de antíxenos ou PCR negativa realizados nas 72 horas anteriores ou de ter padecido a enfermidade nun período comprendido entre os 11 e os 180 días anteriores á celebración da proba.