Carballo participa na primeira reunión do Foro Galego de Economía Circular
O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, será un dos poñentes das xornadas que se celebrarán os días 5 e 6 en Santiago de Compostela
Venres 1 de abril do 2022 Carballo ao día
A análise da nova Lei de residuos e solos contaminados e a regulación de envases e residuos de envases é o eixo da primeira reunión do Foro Galego de Economía Circular, que se celebrará os días 5 e 6 deste mes na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O Concello de Carballo participará nas xornadas como oínte e tamén como relator, xa que o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, xunto con representantes dos concellos de Santiago, Curtis e Lugo, formará parte da mesa de experiencias locais e intercambio de boas prácticas prevista para o día 5.
A reunión do Foro Galego de Economía Circular vai destinada a persoas que desenvolvan o seu labor técnico ou político nunha área con responsabilidades sobre a xestión de residuos nos concellos galegos.
As xornadas están organizadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Foro de intercambio de coñecemento sobre residuos e economía circular (Firec). Podes descargar o programa completo máis abaixo.