O plan para reducir o risco de inundación en Carballo avanza coa aprobación do proxecto para o San Martiño
O proxecto elaborado pola Xunta, que prevé a construción de motas e dunha nova ponte para evitar que a auga chegue ás vivendas, supera os 360.000 euros
Xoves 31 de marzo do 2022 Carballo ao día
Parque do San Martiño
A Xunta de Galicia e o Concello de Carballo seguen dando pasos para materializar as accións incluídas no convenio de colaboración para reducir o risco de inundación nas beiras do río Anllóns. O último foi a aprobación, esta mesma semana, do proxecto elaborado por Augas de Galicia para acometer unha reforma integral no parque do San Martiño.
O acordo entre ámbalas dúas institucións establece a obriga do Concello de Carballo de achegar os terreos, xestionar as licenzas e facerse cargo do mantemento posterior das obras. A Xunta, pola súa banda, financiará as actuacións cun total de 3 millóns de euros, procedentes nun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Dentro das competencias municipais, a corporación aprobou en novembro do ano pasado o inicio do proceso de expropiación dos terreos precisos para acometer as obras no San Martiño. Son, en total, 5.387 metros cadrados pertencentes a 10 propietarios, entre eles o propio Concello de Carballo. Agora, co acordo adoptado esta semana pola Xunta de Goberno Local, dáse o visto bo ao proxecto elaborado por Augas de Galicia.
O obxectivo da actuación que se acometerá no San Martiño é adoptar as medidas precisas para evitar que en época de crecidas a auga siga chegando ás vivendas e negocios da contorna. Para iso, os técnicos establecen a necesidade de construír motas de protección que contribúan á contención da auga e de modificar tanto a configuración como o emprazamento da ponte, que carece da altura necesaria para facilitar o fluxo do río e que, de feito, xa foi obxecto de varios cambios dende a súa construción. Agora haberá que derrubar para construír outra, máis alta e máis longa, dende o remate da rúa San Xoán Bautista ata a río Deza.
O investimento previsto é de 366.697,74 euros, e o prazo de execución, unha vez as obras sexan adxudicadas por parte da Xunta, será de tres meses.
Ademais da reforma integral do parque de San Martiño, no convenio están previstas estas outras actuacións:
- Demolición de edificación, reforma da ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol.
- Reforma da ponte da Casilla, da canle e motas de contención augas abaixo da ponte.
- Mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo).
- Realización dun bypass no Muíño do Quinto.