O Concello de Carballo súmase á campaña do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo
Mércores 30 de marzo do 2022
O 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, instaurado no ano 2007 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de poñer de manifesto a necesidade de contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e promover a súa inclusión en todos os ámbitos da sociedade como cidadáns e cidadaás de pleno dereito.
O Concello de Carballo adheriuse á campaña deste ano, cuxo lema é "Unha feliz viaxe pola vida" e que pon o centro no dereito das persoas con trastorno do espectro do autismo e das súas familias a desfrutar dunha vida feliz. E, deste xeito, atendendo á petición realizada pola Federación Autismo Galicia, o 2 de abril iluminaremos de cor azul a fachada da Casa do Concello. O edificio municipal é un dos 419 confirmados ata o momento, pero o obxectivo deste ano é acadar os 450. Infórmate polo miúdo na ligazón inferior.